Onte 1459: «Por que as sombras non teñen ollos», presentación en Ourense
O salón noble do Liceo de Ourense encheuse onte na primeira presentación de Porque as sombras non teñen ollos, a quinta novela de Luís García Mañá. A pequena exposición de obxectos relacionados coa historia da novela, dende paracaídas, radios, emisora morse até obxectos persoais, recortes de prensa de época, moito chamaron a atención aos participantes. José Antonio Alonso Miranda, xeneral do Exército na reserva, na súa intervención contextualizou a novela en dous episodios históricos, o sinistro dun avion Hudson da RAF na Serra de Pena, territorio galego barrosá o 22 de febreiro de 1944 e a operación Overlord que arrincaría o 6 de xuño de 1944.
Nas súas palabras, Luís García Mañá confesou que foron tres os piares sobre os que construiu a novela: un real, outro antropolóxico e etnográfico e outro baseado na súa cultura sentimental. «O primeiro fai referencia a que a novela naceu dun feito real, histórico, a do sinistro dun avión da RAF na Serra de Pena á altura do marco 125 da fronteira luso galaica. A novela é unha historia de espías. Pretendín salientar que Galicia foi importantísima durante a Segunda Guerra Mundial, fose polas minas de volframio que se utilizaba para endurecer o armamento, fose pola colocación de torres de comunicación alemás. Eu quixen facer unha historia de espías na raia seca, o territorio onde se instala a novela.»
Debullou despois García Mañá o piar antropolóxico de Por que as sombras non teñen ollos. «Na novela son moi importantes os contos de inverno. Son fillo dunha muller de Calvos de Randín e dun home de Taramundi. Na miña casa había sempre un bo conteiro na familia que andaba dacabalo entre o real e o imaxinario. Esa é a razón pola que falo do contrabando de supervivencia, nun tempo onde todo se aproveitaba, como fixeron os habitantes da zona coa tea dos paracaídas do avión que utilizaron para facer camisas, xa que era moito máis fina que as súas teas rudas de liño. Falo dos contrabandistas e dos seus agochos, onde desaparecían as súas mercadorías. Mais falo tamén das casas pobres da fronteira, onde non había sequera un lugar onde aliviarse, da falta da luz electríca, endémica durante os anos da Segunda Guerra Mundial. A novela naceu dos contos da miña nai que tiñan sempre un fondo real.
O piar sentimental está no título, «que mo deu o meu neto cando me preguntou por que as sombras non teñen ollos. Na novela as sombras dos contrabandistas e dos espías non teñen ollos, xa que se non serían recoñecibles.» Rematou Garcia Mañá reflexionando sobre as intencións da súa novela. «Tagore dixo que “nós non somos o que cremos que somos”. Aspiro a que esta novela dalgunha maneira sirva para abrir os ollos do que foi a vida naqueles pobos arraianos durante a década de 1940. Aspiro a salientar a importancia das súas mulleres que producían o cemento que substentaba as súas familias». Luís pechou as súas palabras lembrando unha cita de carácter educativo que viña ao caso: »Sabemos que os nenos esquecen o que escoitam, lembran o que ven e aprenden o que fan».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir