Onte 1245: «Cuarto minguante»
Non pode quedar atrás recoller as palabras que Pilar García Negro pronunciou no serán do pasado sábado en Casal de Armán na presentación de Cuarto minguante, a primeira novela de Bautista Álvarez. Comezou a profesora da UDC sinalando que «a vocación de Bautista sempre fora dupla, política e literaria», para engadir despois que o autor adquirira ao longo da súa vida «unha grande cultura literaria, especialmente clásica». Lembrou o acto de presentación no verán de 2013 de Retallos daquela infancia, o libro de relatos que o adscribía «á filiación de Fole e Castelao pola utilización dun humor moi elaborado con aparencia de sobriedade. Considerou que «con Cuarto minguante expresaba o seu auténtico oficio de escritor.»
A presentadora debullou o título da novela, que fai referencia tanto a un declive como unha semellanza dun elemento físico, indispensable para resolver a intriga que se propón desvelar ao lectorado. Sinalou o carácter de notario do narrador, xa que o personaxe de Ismael terá que construír a súa identidade na emigración, sendo a súa vida o río principal dunha narración na que hai outros afluentes moi interesantes. Reflexionou Pilar sobre o fenómeno da emigración galega e os prexuízos a ela asociados, até considerala como «unha fatalidade, até interiorizala como un destino natural, ao que non foi alleo a ignorancia do mapa, sendo como sinalou a poeta Pilar Pallarés “a xeografía unha facilitadora da emigración”.» E como tal lembrou unha frase do texto: «desprezo por desprezo, é preferible o de Buenos Aires.» «Na novela de Bautista non hai, polo tanto, un gramo de idealización. A emigración non resolve senón que agrava os problemas dos seus protagonistas.»
Antes de rematar, destacou como os maiores acertos da novela, ademais dos retratos desta epopea emigrante e da igrexa católica, a participación do autor na narración, «que sabe facer con moita sabedoría», así como o humor e ironía presente en moitas páxinas. Entre as coxeiras da novela, sinalou «o errado tratamento das personaxes femininas, apenas proxección das masculinas, que debeu ser evitado.»
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir