Onte 119: A suite sinfónica de Siniestro Total
Siniestro Total é a Vigo o que The Beatles a Liverpool. Era, pois, inevitable a nosa presenza no concerto sinfónico co que celebraba o seu trinta aniversario. Durante pouco máis dunha hora asistimos ao diálogo do grupo vigues de rock and roll coa quincena de compoñentes do Taller Atlántico Contemporáneo, unha experiencia moi audaz na que dende dúas tonalidades, a do rock e a da música contemporánea, se exploraba a creación dun novo espazo sonoro. Sen dúbida, a partitura de Javier López de Guereña, dende a serie dodecafónica, deconstruíu con bastante acerto as melodías dos grandes éxitos de ST, que a orquestra interpretou con convicción e elegante enerxía. Porén, os nosos roqueriños tiveron moitas máis dificultades para enlazar con esta sonoridade deconstruída. Non era doado, en moitos temas semellaba imposible. Ao longo da experiencia lembrei aquelas performances de Sachtmo, hai tamén tres décadas, nas Enrique X. Macías, o grande compositor vigués, esquecido onte nos divertidos parlamentos teóricos de Julián (para min estas intervencións foron o mellor da noite), pretendía un obxectivo semellante de diálogo entre as músicas do noso tempo, a clásica e a popular. Máis alá do resultado artístico desta suite suicida, que deixou bastante frío ao público que case encheu o García Barbón, en grande medida membros da xeración Polycomander, Siniestro Total demostrou que sempre será moito máis ca un grupo de R&R. A interpretación de «Galicia gran carallo de sal», ao remate do concerto, foi memorable. Ese himno, coa que está caíndo, é un berro de pracer.
Frío o público? Onde estabas ubicado para ver iso? A xente quedou como dez minutos esperando por máis, despois do final, cousa bastante inusual últimamente en calquera tipo de espectáculo, por certo.
E entre os “rockers” houbo momentos brillantes á guitarra e á batería bastante notorios. Ou tampouco? Lembras a Soto no vals, por exemplo?
O que realmente é destacable é a ausencia de crítica especializada ben tratada (polas empresas) na prensa galega. Falamos de música, mais no teatro é aínda peor.
Aínda menos mal que hai anotacións coma estas, para ensanchar un pouco a cousa.
Saúde.
É indiscutible que os membros de ST tiveron momentos brillantes. ST nunca defraudou e espero que non o faga no futuro. Na miña anotación, precisamente, saliento o treito final do concerto, tanto no himno como nun bises preparados moi bos. Con todo, é innegable que ben fose pola fasquía da sala ou polo programa deste concerto, a comunicación co público, ao longo da primeira hora, foi ben diferente a doutras ocasións. Ben sei que non estabamos na Iguana. Probablemente quen mellor poida interpretar ese aspecto son os músicos. A miña foi unha impresión dende a butaca dun admirador da banda dende as súas priemiras saídas.