Onte 1072: Nemancos
Percorremos onte algúns dos vieiros das terras de Nemancos, entre os concellos de Muxía e Camariñas, espazo literario lópez abentiano no que Xosé María Lema desenvolveu algunhas escenas memorables da súa Costa de Solpor. A pesar da fortísima ventada e de abraiarnos coas dimensións da piscifactoría da norueguesa Stolt Sea Farm, pagounos moito a pena a visita ao Faro Vilán e ao seu aqueladiño centro de interpretación dos naufraxios, faros e sinais marítimas da Costa da Morte. Como tamén foi ben proveitosa a paradiña en San Xulián de Moraime, impresionante igrexa do século XII, unha das tantas alfaias pouco coñecidas do románico, onde conversamos cunha veciña sobre o que foi o mosteiro e o cárcere onde gardaba as súas ovellas. Despois dun xantar monográfico de froitos do mar, procuramos o acougo e unhas horas de lectura na praia do Lago, unha marabilla natural que por ventura conserva o seu espazo intermareal atlántico. Ao regreso, probablemente para desfacer ideas prexuizadas, en Quintáns, na parroquia de San Martiño de Ozón, parounos na estrada unha manda de vacas, demostrando que a de Nemancos, é tamén terra gandeira. Unha xornada nemanquina ben aproveitada, si señor!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir