O vindeiro Outono literario de Xerais

A punto de collermos as nosas tres semanas de vacacións, ultimamos estes días a primeira fornada de novidades do que será o noso outono literario. Aí vai un primeiro adianto dos seus títulos.
  • En XERAIS NARRATIVA publicaremos ademais de Cardume de Rexina Vega (premio Xerais de novela) e A lúa dos everglades de Xesús Manuel Marcos (premio Terra de Melide), as novelas O señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rei Núñez e As pontes do ceo, terceira e derradeira entrega do monumental friso Vidas de infancia de Ramiro Fonte.
  • En XERAIS CRÓNICA publicaremos os libros de conversas con Darío Xohán Cabana e Carlos G. Reigosa, ademais dos novos libros de Xosé Neira Vilas (Arredor do mundo) e Rosa Aneiros (Ao pé do abismo).
  • En XERAIS ABISMOS, colección narrativa dedicada a primeiras obras, aparecerán Vidas pos-it de Iolanda Zúñiga e Aquel lugar de Antía Nara.
  • En XERAIS POESÍA aparecerán novos poemarios de Xosé Rivadulla Corcón (Adeus do vello mariñeiro) e de Leonardo Fernández (Hai cu).
  • En XERAIS FÓRA DE XOGO publicaremos ademais de Illa Soidade de An Alfaya (premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil) e da novela finalista, O ceo dos afogados de Francisco Castro, o relato de Teresa Moure A Casa dos Lucarios e a terceira entrega da serie de novelas de Herbie Brennan, iniciada con O portal dos elfos, titulada O Reino en perigo.
  • En XERAIS MERLÍN aparecerá Minimaladas de Carlos González (premio Merlín de literatura infantil), ilustrado por David Pintor e A mañá do monstro de Miguel Vázquez Freire.
  • Aparecerá tamén, e despois de dez anos de traballo, De provincia a nación. Historia do Galeguismo político de Justo Beramendi, obra de 1.200 páxinas na que levamos traballando máis de ano e medio.
Etiquetas: