O tirón de Ameixeiras

Belén Regueira fixo este serán un magnífico exercicio de persuasión publicitaria na presentación da novela de Ameixeiras. Con grande convicción e moita graza aconsellou ler O cidadán do mes polas seguintes razóns:

  • Ameixeiras é un autor que non pide aos lectores que sufran. “Este é un home que se esforzou por nós”.
  • “A novela posúe unha banda sonora impresionante”.
  • Ameixeiras (xa unha marca) é “o autor de culto dos membros dos grupos pop-rock galegos, da chamada xeración emerxente ou agromante”.
  • As cousas que fai Ameixeiras sempre son divertidas.
  • A novela é de grande utilidade: inclúe unha guía de bares e tapas de Chispatwon; permite incrementar o léxico amatorio; retrata parte de nosa realidade de forma máis fidedigna que outros autores nosos; expresa unha interesante cosmogonía de barra…

Despois das tres presentacións desta novela, que está tendo moi boa acollida entre os lectores (hai unha coincidencia xeralizada en que engancha fatalmente a quen a colla), non hai dúbida de que Ameixeiras é un dos nosos novos narradores con máis tirón entre os lectores. Agardamos xa a terceira entrega de Dopico; hoxe Diego prometeu tela rematada para o vindeiro ano.

2 comentarios
  1. el niño de la guía
    el niño de la guía Dice:

    Parabéns ao Ameixeiras. O cidadán do mes é uma das cousas que esquecim traer da terra.
    Saberia vostede alguma livraria em Madrid na que trabalhem Xerais?.
    Obrigadinho.

  2. bola extra
    bola extra Dice:

    A verdade é que collín O cidadán do mes (non lin Baixo mínimos) bastante escéptico é gocei coma un neno co libro! Noraboa a Ameixeiras por abrir unha nova vía na literatura galega e desanquilosar a negra!
    El Niño de la guía: Creo recordar que na Casa do libro de Madrid se podían comprar libros de Xerais…

Los comentarios están desactivados.