O pregón de Suso de Toro
Co pregón de Suso de Toro comeza hoxe a Feira do Libro da Coruña. Recollemos unha boa parte do interesantísimo texto do autor de Home sen nome no referido ao libro, a lectura e as bibliotecas públicas:
“O libro […] ten ese carácter case personal, o lector le no libro e dialoga con el. Se non gusta del déixao quedar arrombado, se lle reina mergúllase nel e disfruta, outras veces, párase e discute con el, nega o que di ou para a pensalo, a discutilo. O diálogo entre quen escribe e quen le a través dun libro é un diálogo democrático. Baséase na liberdade do lector sempre, se o lector non gusta do libro o libro será unha máquina que non funcione, que non consiga comunicar aquilo que o autor pretendeu.
O libro é unha máquina moi fráxil pois esa comunicación é delicadísima. Todo o humano é delicado, fráxil, pois somos unha marabillosa máquina caída das estrelas e feita de carne.
Mais sendo fráxil o libro é poderosísismo: As transformacións da nosa civilización nos últimos cincocentos anos foron posibeis grazas ao libro.
O libro era o lugar onde vivía o texto escrito. Hoxe ocorreu unha transformación, o texto xa non vive exclusivamente no libro, está tamén, e sobre todo, nas pantallas. Non debemos ver isto como algo malo, pois a Rede, Internet, permite que todos leamos e tamén escribamos texto. Internet permítenos a todos enviar mensaxes, non só recibilos. Ten un aspecto democrático indudábel.
Mais se as pantallas se fan exclusivas liquidarán ao libro. E o libro é o que crea individuos. A lectura é un acto solitario, un acto individual, individualizador. Lendo estamos sós. Mais non estamos incomunicados, estamos dialogando cun autor, cun texto. Un texto que moitas veces é producto de moitas persoas, de tradicións colectivas, é un diálogo con outro, con moitos outros.
E estando sós, lendo, estamos a soas con alguén importantísimo, nós propios. A soas con un mesmo. A lectura é a ximnasia do “eu”, da identidade personal. Os medios estimulan o noso abandono, buscan fascinarnos, que abramos os ouvidos, os ollos, a boca… A nosa entrega total, quere que nos disolvamos, que deixemos de ser. A lectura en cambio é esixente, quere que sexamos, que esteamos aí, máis ou menos atentos. Lendo entramos no texto mais nunca é un labirinto do que non poidamos saír, sempre hai un camiño de volta e sempre mantemos a conciencia. A lectura respecta á nosa intelixencia e integridade, e lendo respectámonos.
A lectura individual, a lectura personal, o libro, é o grande invento moderno e, á súa vez, a lectura é a inventora da modernidade, do individudo ilustrado e con criterio propio. O individuo que cre na persoa, o que esixe respecto para as persoas, para si propio, para os demais. A lectura, e o libro, evolucione como evolucione, seguirá a ser o alimento dos individuos con sentido da dignidade personal. O alimento dos cidadáns.
E si, o libro, como as estradas, os portos e aeroportos, o alumado, a sanidade ou a escola pública, precisa apoio. Un apoio democrático, claro. Sen populismos.
E a garantía de que vai seguir habendo libros ao alcance do cidadán foi, é e seguirá a ser a biblioteca pública e mais o libreiro. Non se trata de regalar ou tirar cos libros, trátase de que, nunha sociedade no que hai diñeiro para consumir a eito, os cidadáns, que previamente adquiriron a capacidade e mais o hábito de ler na escola, teñan perto de onde viven unha biblioteca e mais unha librería na que encontren alimento para a súa cidadanía: libros.
Falei de feiras, reclamándoas como a fonte da democracia, e falei de libros, que son os que forman individuos libres, cidadáns. Os protocolos dun pregón da feira do libro aconsellan tamén que se cite a localidade que acolle a feira dun modo encomiástico. A min non se me ocorre máis que dicir que das feiras da Galiza esta feira da Coruña é onde máis libros se venden. Contra a visión tópica das cousas, eu considero que é un grande mérito cívico.”Etiquetas: Suso_de_Toro
Qué ben atopar o pregón aquí. Colloo prestado. Interesante, adecuado e moi directo. Gústame.