O libro galego na Internet
A Mesa sobre “A presenza do libro galego na Internet” proporcionou máis información ca debate entre os participantes sobre o estado da cuestión. Malia esa carencia, creo que foi moi indicativa das orientacións existentes sobre a cuestión.
Santi Montes, responsable de Lg3, relatou a experiencia do portal do Consello dedicado á literatura galega. Gustei moito da súa reflexión sobre a necesidade de cambiar a percepción do papel da rede: “non é un feito subterráneo, se non que forma parte da comunicación social”. Montes criticou, tamén, ás editoriais galegas por que apostan pola rede sen confianza e sen convicción, o que se demostra en que moitas das súas páxinas non estean actualizadas ou sexan pouco atractivas. Para el isto ten que ver máis coas persoas que coa tecnoloxía: “precísase imaxinación e afondar na innovación”. Tamén foi moi claro cando expresou que hoxe “a necesidade de información sobre a literatura galega na rede supera a oferta”, razón pola que propuxo repensar o uso que estamos a facer dela.
Laura Fontaíña, primeira responsable da Biblioteca Virtual Galega, explicou que con esta experiencia, nacida da Facultade de Informática, pretendeuse proporcionar unha canle para a literatura galega e para poñer aos nosos escritores en contacto cos lectores, moi especialmente aos noveis que conta cun espazo de publicación onde se levan editados máis de cincocentos textos.
Xaime Nogueira, responsable de Andel Virtual, deu conta do funcionamento desta veterana experiencia de comercialización do libro galego na rede (remóntase ao ano 1997). qu na actualidade conta con 14.000 títulos en catálogo e con vendas directas aos cinco continentes. Nogueira insistiu na idea de que o mercado do libro galego está imbricado no entorno da lingua, sendo necesario un traballo incesante a prol do seu prestixio, así como para a incentivizar a dotación das bibliotecas e o labor docente.
Manuel Figueiras, creador de Filix (Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil), hoxe a maior fonte de documentación en galego sobre este xénero (4.000 pantallas editadas), expresou que as funcións desta biblioteca dixital son: rescatar do esquecemento títulos descatalogados que conforman a historia da nosa edición (a rede convertese así, paradoxicamente, nun arquivo virtual); revalorizar a literatura infantil e xuvenil, razón pola que aparecen referenciadas todas as traducións que se fan de textos editados orixinalmente en galego; constituír un centro de documentación; e, por último, constituír un centro de información para os lectores máis novos (contou unha anécdota sobre esta cuestión moi pavera).
Ante todo un saúdo. Dende http://galiciacontos.blogspot.com
Baixo o meo sinxelo punto de vista, o libro electrónico e o futuro, xa que este pode ser interactivo con vínculos ou enguedellos a outros contidos. Tanto con páxinas ou mesmo blogs, sen esquecerse do vídeo, que podería estar facendo deste formato algo moi singular e diferente o impreso. Tendo en conta de subliñar que ese soporte ebook, parece ser que ten moitas vantaxes e ferramentas para botar man delas en calquera intre, como o de ter dicionarios en diversas linguas. Así que as editoriais deberían apostar por este sistema sendo como máis doado o posibilitar abrir a porta a noveles autores, xa que tanto a impresión como a dixilitación, terían outra maneira de ser, con menos custes para as empresas editoras. Sen esquecer os aforros engadidos de almacenaxe e transporte. Cando deste xeito as edicións impresas serían xusto as mesmas demandas dos potenciais mercadores. Tendo en conta tamén os diferentes formatos, descarga directa na rede, ou en formato CD.
Att: Eladio Bernabé Fernández
Por erro corrixese:http://galiciacontos.blogspot.con