O Congreso do IBBY en Compostela inaugúrase hoxe
Hoxe é o día. Ás sete do serán realizarase o acto de inauguración do 32º Congreso do IBBY de Santiago de Compostela, un evento no que participarán seiscentas persoas de todo o mundo que traballan no eido da creación, edición e difusión da literatura infantil e xuvenil. Polo completísimo programa que se desenvolverá até o domingo á noite e pola fasquía das exposicións que xa puidemos ver montadas onte a tarde, este Congreso IBBY vai quedar moi atractivo.
Ademais das conferencias, táboas redondas e obradoiros que integran o programa do IBBY 2010, o recinto expositivo acolle diversos stands entre os que está o da Asociación Galega de Editores (AGE). Nel amosaranse as máis recentes publicacións para nenos publicadas por un total de 16 editoriais asociadas: Kalandraka Editora; Editorial Everest Galicia; Rodeira; Baía Edicións; OQO Editora; Edicións Xerais de Galicia; Nova Galicia Edicións; El Patito Editorial; Sotelo Blanco Edicións; Edicións Tambre; Biblos Clube de Lectores; Edicións Obradoiro; Editorial Galaxia; Edicións Embora; Ir Indo Edicións e Nigra Trea. Colabora coa organización deste espazo o Clúster da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia. Ademais, no mesmo stand poderase contemplar a mostra «A literatura infantil e xuvenil Galega e as minorías». Trátase dunha escolma cos 40 libros de literatura galega que mellor reflicten temáticas relacionadas coas minorías.
Así mesmo será de grande interese para o coñecemento, visibilización e proxección da nosa Literatura Infantil e Xuvenil a exposición «50 anos de literatura infantil-xuvenil galega», un percorrido polos libros fulcrais do xénero en galego, dende Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas de 1961 a O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz de 2007.
¡Boas noites e boa sorte!