O CCG analiza e propón

Pareceume moi atinado o ditame do Consello da Cultura Galega sobre as «Bases para a elaboración do Decreto de Plurilingüismo». O seu carácter analítico e propositivo, ao mesmo tempo, a súa insistencia sobre os aspectos sociolíngüisticos e educativos (deixando os xurídicos ao criterio do Consello Consultivo), compleméntanse como anel co texto elaborado pola Real Academia Galega. Ambas as dúas pezas, xunto coas achegas doutras instancias asociativas e profesionais, constitúen unha emenda á totalidade dun documento que os seus promotores deberían ter xa retirado hai tempo.

O ditame do CCG, que merece ser debullado devagariño, máis alá do severo correctivo que realiza do texto, fai unha serie de consideracións que enriquecen ese proceso de elaboración colectiva sobre o futuro do idioma no que estamos inmersos:

– Un decreto non parece o marco normativo adecuado para regular o fomento da lingua galega no sistema educativo. O CCG propón , como xa fixera o pasado mes de novembro, que sexa o Parlamento quen trate este asunto.

–A responsabilidade da escola sobre esta cuestión é dobre: debe garantir tanto o dominio instrumental das linguas oficiais como formar individuos que asenten o seu comportamento lingüístico sobre valores cívicos e de respecto á diversidade lingüística.

– O obxectivo de competencia bilingüe nas dúas linguas non se pode asentar sobre a filosofía do equilibrio lingüístico na escola, senón que require un papel de reforzo para o galego.

–Non é razoable nin realista ningunha meta educativa plurilingüe, aplicable ao conxunto da poboación escolar, que non acepte niveis de competencia diferentes para as linguas e ambientais e para as demais.

–Trasladar a responsabilidade da definición do proxecto lingüístico comunitario ás familias e os centros non se xustifica como unha aposta democrática pola participación, senón que representa unha inhibición por parte dos poderes públicos que pode xerar tensións innncesarias nas comunidades educativas e nos centros escolares.

Mágoa o escaso respecto co que a Consellaría de Educación e Universidades recibiu o dictame do Consello da Cultura Galega,  algo insólito no marco da relacións institucional cunha das nosas entidades estatutarias.