O atentado e a resposta da cidadanía
A unidade de todas as forzas políticas e sociais (mágoa que fose máis aparente que real, polo desmarque interesado do PP, algo esperable tras a súa actuación durante os catro anos de lexislatura) e, sobre todo, o exercicio de cidadanía na defensa sen fisuras dos dereitos humanos e do dereito á libre participación democrática nas eleccións de mañá (baixo a forma que cadaquén considere oportuna) semella o único camiño posible para homenaxear ao traballador asasinado.
Debemos insistir en que non podemos aceptar baixo ningún concepto a utilización da violencia con fins políticos (por respectables que poidan ser os ideais defendidos) nin tampouco a utilización interesada do atentado e da dor da familia da vítima para favorecer determinados intereses partidarios. Tanto unha cousa coma outra, dende o punto de vista moral, seméllanme totalmente inaceptables.
Transcribo o texto do comunicado de Educadores pola paz-Nova Escola Galega condenando o atentado e enviado onte aos medios de comunicación e animo a difundilo pola rede, xa que entendo pode axudar a reflexionar con serenidade sobre o atentado e a promover unha cultura de paz e diálogo sobre o conflito vasco. Recolle con claridade meridiana o que pensamos moitos milleiros de persoas na defensa teimosa dos dereitos humanos e da democracia.
“O colectivo Educadores/as pola Paz do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, quere expresar a súa máis firme repulsa e condena do atentado terrorista da banda terrorista ETA no día de hoxe en Mondragón (Guipúzcoa), que acabou coa vida de Isaias Carrasco.
Como educadores e educadoras comprometidos coa educación e a cultura de paz, proclamamos o dereito á vida como un principio inviolable que está por enriba de calquera ideoloxía, crenza ou relixión. Ningún fin xustifica a violación dos dereitos humanos, comezando polo dereito á vida.
En segundo lugar, queremos expresar a nosa máis profunda solidariedade coa familia e amigos da vítima. Compartimos e facemos nosa a súa dor.
En terceiro lugar, dadas as circunstancias de estar no último día da campaña política para as eleccións ao parlamento español do próximo día 9, requerimos a todos os partidos políticos e outras asociacións que non caian na tentación do uso do terrorismo e da dor das vítimas para fins partidarios.
En cuarto lugar, facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía para ter a coraxe cívica votando masivamente nas eleccións convocadas para o próximo día 9. ETA non pode condicionar o noso voto nin a axenda democrática da sociedade.
En quinto lugar, Educadores pola Paz-Nova Escola Galega suma a súa voz á necesaria resposta cidadá diante deste novo atentado, e fai un chamamento especial á comunidade educativa para que este atentado non pase desapercibido. Que sexa un acto do que se fale e reflexione nos centros educativos para que se convirta en semente de paz, en semente de esperanza.Vigo, a 7 de marzo de 2008Asdo. Xesús R. Jares
Coordenador de Educadores/as pola Paz-Nova Escola Galega”