O anaco de "Oeste"
“O avó Maiacurí cazaba as noticias co punteiro ferrado do seu bastón bengala. Tiña preferencia polas amareladas, untadas pola xeada e a solleira, levadas ao chou polos mesmos carreiros das follas secas, aínda que o papel das noticias voa un paso atrás, galináceo, e en solitario. Follas das árbores e follas de xornais, ceibadas da data, móvense no oeste en rabaños de atolada melancolía. Ás veces encrequenan no recanto dun portal abandonado, cubertos de lidro, como o pelello dun animal doméstico, que volveu da viaxe da noite coa labazada fría dos mortos, e non foi quen de atopar o oco da gateira. No monte da Torre, no outeiro mariño no que se ergue o faro de Hércules, algunhas destas follas peregrinas prenden nas matogueiras espiñentas, e fanse carne seca. Mais hai algunhas, poucas, que entran nun enlevo, suspensas ao puro leilán, tatuando o vento.
Esas son as preferidas polo punteiro do bastón bengala de Antonio Vieira, o avó Maiacurí.
Aí vén unha. Fai como quen non a ve. E de súpeto, zas!, o bastón bengala móvese como un arpón no ar, fai unha parábola e espeta a noticia no carreiro aberto polos pés na herba mol. O paso é polo algo acantilado do Gaivouteiro, cara a Fura do Touciño, e algo hai de ave de mar na peza de papel. Unha postrema axitación de plumas temoneiras.
Maiacurí deixaba o goberno d’A Lanterna de Aristóteles, ultramarinos, e escollía o comezo do verán, o mellor verán, segundo el, para pasar unha tempada na Coruña. Viña ver os barcos. Non era ningunha desculpa nin un mero xeito de falar. Era a verdade. Toda a verdade. Erguíase moi cedo para ir ao Muro, a lonxa do peixe, onde descargaban as bacas e bous do Gran Sol. Aínda que alí só se vendía á puxa, e en lotes grandes, conseguía sempre algo de peixe, con preferencia meigas e douradas. El non o comía nunca. Non lle gustaba o peixe, senón os barcos. Así que co tempo cheguei a pensar que a razón daquela merca era tamén facerse con noticias, neste caso molladas e con escamas, pois daquela era o papel prensa o envoltorio usual. Dende logo, desfacíase axiña do peixe, como quen se afasta por fin dunha infinda e inocente tristura para deixala en boas mans, neste caso, nas de Neves, a cociñeira e asistenta, mais durante uns minutos lía naquelas túnicas de periódico que serviran de sudario mariño. Non ten porque resultar estraña esta observación pola miña parte. O que era estraño, e velaí a miña atención, era que o avó Maiacurí non lera os xornais normais, enteiros, habendo como había varios, mesmo os dous que chegaban cun día de atraso por suscripción dende Madrid.
Desta primeira incursión, a da lonxa, regresaba cando de Mera, na outra beira da baía, saía a traíña do nacente a todo remar. Así que el chegaba á casa cun home de sol ao lombo. Logo almorzaba e dende a galería, feliz como unha ra arredor da poza, tomaba unha medida panorámica do porto. Adoraba a súa filla, e mantiña un silencio solemne diante das súas pinturas. E a súa filla, Chelo, respectaba ese silencio. Non recordo terlle oído nunca preguntar a opinión, á pescuda dun adxectivo, séndolle tan doado acadar a loanza de quen tanto a quería. Seguro que a Antonio Vieira lle gustaban aqueles cadros, eu diso non teño dúbida, pois penso que o cheguei a coñecer algo, mais supoño que tamén se preguntaba, como facía case todo o mundo, o porque Chelo non pintaba paisaxes, e sobre todo, por que non pintaba mariñas.
Eu tiña a resposta á pregunta que o avó non fixo. E a quen a fixo, non lla quixen dar.
Chelo pintaba paisaxes na miña man. Souvenirs, dicía ela. Cando ficaba satisfeita, engadía como un trazo final: Souvenir de Corot. Así que para min ese nome sempre foi algo moi familiar, como unhas cóxegas na man.
Cando me tardaba a fala, cando se trababa unha palabra, e ela notaba que aquela pelexa coa linguaxe estaba a reducirme a un espanto xeado, dun ser interior que castanexa os dentes no frío, mais uns dentes e un frío por dentro, por detrás dos ollos, por detrás da lingua.
–Vén.
E pintaba na man un Souvenir. Hoxe, branco, azul, gris e prata.
Ese tic de abrir e pechar a man.
–A ver. Que tes aí? –preguntaba o avó Maiacurí.
Pola tarde, saiamos cara o Monte Alto deica chegar ao faro de Hércules. Mais antes faciamos un alto no bar da Parra, sentados baixo a uveira. Dicíame: “Xa verás como se ri”. Cando viña a dona, el pedía para min unha gaseosa La Revoltosa. “E para o vello, un branco eléctrico”. E era verdade que se ría.
–Agora déixame ver que levas aí, nesa custodia.
Eu abría a man moi, moi a modo.
–Un barco, eh? Un barco na néboa. Que sorte tedes algúns.
Mais había outro tratamento que facía Chelo para tentar aconchegarme coa linguaxe. Aprenderme canto antes a ler e escribir. Moito antes de ir á escola. Comecei a escribir con debuxos. Antes que as letras, as formas. As quebradas, as espirais, as cruces. De tal maneira que as letras, cando chegaron, eran tamén formas da natureza, como o “t” é un mastro dun barco e o “l” un ciprés. E o “o” pode ser moitas cousas. O “o” pode ser o sol e a lúa. Nós tiñamos unha lavandeira que se chamaba O. No santoral era A Nosa Señora da Expectación, María do O. A min facíame moita graza cando a miña dicía ao vela xa de lonxe pola rúa: “Velaí vén a Nosa Señora da Expectación”. Era doado distinguila, pois traía un O enorme enriba da cabeza. Dentro dese O viña a roupa. Cando se achegaba, a súa cara era tamén un O moi risoño, con dous ollos moi claros, de tal maneira que a súa presenza remitía ao sol, mais tamén ao circos da auga.
–Ola O.
O, a lavandeira, foi unha das mulleres que pintou Chelo. Esa serie que parecía infinda, e que de feito o foi, e que ela chamaba Mulleres que levan cousas enriba da cabeza”.
© Manuel Rivas
Xa non me chega o día. ¿Non partillarás cunha edición pirata?
Non atopei o teu correo e penso que este artículo podeche interesar: Objeto libro (http://www.lavanguardia.es/web/20050323/51180020419.html) publicado no periodico La Vanguardia, se non estas suscrito (a suscripción é gratuita), podo enviarte unha copia.
Fala sobre o fenómeno editorial.
Agradecido, Catuxa. Xa o coñecía.