No nome da esperanza, xa vai
A proposta que presenta o PP á sociedade galega para seguir ocupando o goberno da Xunta é impropia do tempo que vivimos. Condena ao noso país a seguir atrapado no tempo, a continuar encerrado nunha anomalía que xa non pode continuar. Oferta a parálise dun proxecto esgotado, agora só ocupado do reparto da herencia dun poder exercido como en finca propia.
O balance das luces e das sombras deste longo periodo de goberno protagonizado por Fraga Iribarne non pode ser positivo: o resultado global é que, tomando como referente o progreso de España, Galiza non só non avanzou en términos económicos e sociais senón que recuou e, así, a nosa mocidade mellor formada segue emigrando. Despois de 16 anos preséntasenos como a meirande expectativa de futuro continuar no pelotón das rexións europeas máis atrasadas.
A nosa saúde democrática está gravemente danada polo clientelismo e o amiguismo, pola falla de transparencia, pola manipulación informativa denunciada polo Valedor do Pobo. O goberno galego ofrece a imaxe penosa dun poder ensoberbecido e insensible ás preocupacións dos cidadáns mesmo cando nos golpea o desastre.
Esta situación non se corresponde coa sociedade que somos, non somos como a imaxe que proxectou todos estes anos esta Xunta. Hai un país vivo e dinámico que xa existe, de costas á falta de operatividade do poder político. Un poder político que fracasou estrepitosamente nunha Galiza sumida na sua peor crise demográfica, cunha poboación envellecida e que segue a expulsar á xente nova.
Este periodo político que agora se cerra foi dun control absoluto da sociedade, mais a sociedade civil resistiu e foi quen a demostralo repetidamente nos últimos anos: mantivo a esperanza. Esa esperanza é un ben do que dispón o noso país e que agora debe ser administrado con sentido da responsabilidade polas forzas políticas que configuran a alternativa, que deben ofrecer á sociedade vontade de diálogo e entendemento para un novo goberno capaz de movilizar as enerxías, capacidades e iniciativas deste país.
No nome desa esperanza chamamos a todos os galegos e galegas a que abran as portas a un novo tempo que afronte os graves problemas do país, e que afirme o autogoberno e a liberdade das persoas.
Un novo tempo que nos convoca a todolos cidadáns a colaborar activamente para darlle paso a unha sociedade libre e democrática, moderna e tolerante, participativa e solidaria, responsable e disposta a traballar esforzadamente para avanzar na democracia transparente, no autogoberno e no desenvolvemento económico e social de Galiza.
No nome da esperanza:
Participa no proceso electoral.
Vota polo cambio.
XA VAI.
Agustín Fernández Paz (escritor), Anxo Guerreiro, Carmen Segura, Dolores Vilavedra (profesora), Javier Carro, Luís Alvarez Pousa (profesor), Luis Tosar (actor), Manuel Bragado (editor), Manuel Rivas (escritor), Mar Martín, Miguel Anxo fernán Vello (escritor e editor), Ramón Chao (escritor), Ramón Máiz (profesor), Rosa Aneiros (escritora), Suso de Toro (escritora), Uxía Senlle (música), Xurxo Souto (escritor).
Os pseudónimos podemos asinar?
Suso de Toro (escritora).
¿Buscando a paridade?