Mudanzas no Bacharelato II
Na anotación anterior quedaron pendentes algunhas novidades que paga a pena reseñar:
- Incorpórase a “Literatura Universal” como materia da modalidade de Humanidades (antes era optativa) e da vía de Artes escénicas.
- Desaparece a materia de “Mecánica” da modalidade de Ciencias e Tecnoloxía.
- Nas materias optativas, competencia da CC.AA., ábrese a posibilidade cursar unha materia das de modalidade, ao tempo que se pretende favorecer dalgunha maneira á “2ª Lingua estranxeira” e as “Tecnoloxías da Información e da Comunicación”.
- Nos currículums de cada unha das materias non haberá referencia (como sucede no resto das etapas educativas) ás competencias básicas.
- Haberá posibilidade de cursar o Bacharelato a distancia (competencia das CC.AA.), abríndose a posibilidade de que o alumnado curse por este sistema algunha das materias de modalidade que, por falta dun número de alumnos suficientes, non se imparta no seu centro.
En definitiva, semella que as mudanzas que se abren no novo Bacharelato LOE son escasas e están orientadas por unha banda a recuperar o modelo curricular LOXSE (suprimido pola contrarreforma conservadora de Aznar, do chamado “Decreto de Humanidades” que modificou os contidos da Historia e da Filosofía) e por outra a adaptalo aos requerimentos da nova Reforma Universitaria de carácter europeo (introdución da materia de “Ciencias do mundo contemporáneo” e reorganización das materias das modalidades). Haberá que agardar a estudar o contidos dos currículums das materias para saber se isto será realmente posible. Con todo, creo que hoxe os problemas da Educación en España non están nesta etapa terminal, senón nas dúas anteriores (Primaria e ESO), onde faltan aínda recursos (humanos e materiais) e onde sobra fraxilidade curricular para o tratamento da diversidade.