"Merdeiros" de Vigo
Esta noticia de Máis Alá éncheme de ledicia. A volta dos “Merdeiros” a máscara tradicional do Berbés é unha das miñas vellas teimas. Hai sete anos, publiquei o primeiro artigo no Faro sobre esta máscara viguesa dos “merdeiros” ou “escabicheiros” do noso barrio de pescadores, figuras que satirizaban ou parodiaban cruelmente aos campesiños que viñan a Vigo a limpar os pozos negros e recoller o escabiche, os refugallos do peixe no peirao do Berbés, co que estercaban as súas leiras. Unha máscara desaparecida a partir de 1936, que pretendía ridiculizar de forma festiva, e algunhas veces provocadora, aos campesiños nun ambiente netamente mariñeiro.
Tivemos noticia dela pola noticia aparecida no libro de Federico Cocho que recollía a descrición realizada por Vicente Risco e debuxada nos traballos etnográficos publicados polo entrañable Xoaquín Lourenzo. A miña proposta foi axiña recollida polo Plan Comunitario de Teis que intentaron reiventar o humilde disfrace de merdeiro: camisa branca arremangada, chaleco e pantalón de pano a xogo, polainas e zapatillas brancas. Máscara de confección ben sinxela que, se seguísemos a descrición de Risco e Lorenzo, debería enriquecerse na parte posterior do chaleco cunha aplicación de tea que, semellante a dos cigarróns ou a dos peliqueiros, representase símbolos astrais ou animais: o sol, a lúa, un burro, un galo, unha galiña… Tampouco habería que esquecer o pucho de pano branco cunha tira vermella ou verde no bordo e un sol ou unha lúa de pano ganduxada no alto.
A imaxinación que se lle queira botar e as novas tecnoloxías da costura e dos tecidos poden levar a insólitas variacións na fasquía desta máscara de entroido, xenuinamente viguesa, que protexía as súas partes co peluxe dunha vasoira ou cunha ristra de cebolas, pendurada dun cordel atado á cintura sobre unha faixa azul, verde ou encarnada. Sen esquecer que non lle pode faltar unha vara ou un farol, que poden ser substituídos polo mango dunha vella vasoira ou por unha verza, xa que gostaban de vagar en solitario polas rúas, choutando, como fan os Troteiros de Bande, diante da xente e botando para diante o seu colgarexo.
Hai dous anos volvimos no Faro sobre a cuestión dando noticia de que a recuperación do disfrace dos merdeiros de Vigo parecía un feito consolidado grazas á iniciativa da Asociación Cultural A Revolta do Casco Vello (Real 32) e ao traballo de investigación e divulgación de Gerardo González: tivemos oportunidade de coñecer a cinco merdeiros trouleando polas rúas do Vigo vello. Este ano 2008, como se pode comprobar na foto, os mozos mozas da Revolta volverán saír este domingo e martes de Entroido. Beizóns, para estes novos escabicheiros!
Estes días daremos outras notas sobre a historia do entroido tradicional vigués.
Disculpe, sr. Brétemas. Pero asegúrolle que no barrio onde eu vivo (perto do seu querido Barrio do Cura) e que nos parques onde van meus nenos, logo de mirar ao chan, un día tras outro, non é necesario dicir que estamos en Entroido para acreditar na existencia dos merdeiros.