"Limpeza de sangue", Premio Nacional 2007
Beizóns, beizóns, beizóns, beizóns, Rubén! Acabamos de coñecer que Limpeza de sangue obtivo o Premio Nacional de Literatura Dramática 2007. Poucos premios tan merecidos coma este. Estamos entusiasmados.
(Actualización: 20:30 horas): A breve anotación anterior está realizada, ás 12:40, tras a chamada de Rubén para dar a boa nova. Axiña publicamos unha nota de prensa. As referencias e entrevistas con Ruibal, que atopamos até agora na rede, son as seguintes: Terra: “Ruben Ruibal: ‘Non concibo o feito de escribir sen dar avisos sobre os problemas do mundo'”. La Voz de Galicia Gznación e Xornal.com.
Esta é a segunda ocasión na que un texto dramático galego obtén o Premio nacional, xa que, con anterioridade Manuel Lourenzo o obtivera en 1997 por Veladas indecentes. Rubén Ruibal engádese á nómina de premios nacionais obtidos pola literatura galega nas dúas últimas décadas: Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Manuel Rivas e Suso de Toro. Do interese e da calidade da obra gañadora, así como da súa magnífica recepción entre os lectores, temos falado dabondo no blog. Agardo que este premio axude a visibilizar o texto entre un maior número de lectores e a poder chegar a representar a obra (algo que, incomprensiblemente, aínda non está en marcha).
Coincindindo coa nova de Rubén, tamén recibimos a noticia dos premios do IGAEM deste ano 2007: Historia da chuvia que cae todos os días de Roberto Salgueiro (Premio Álvaro Cunqueiro) e Game over de Carlos Losada (Premio Manuel María de literatura dramática infantil). Publicaremos os dous textos dentro da Biblioteca Dramática Galega, iniciada co libro de Rubén.
Ostras! Pensei que se estaba a referir á segunda entrega das aventuras do Capitán Alatriste.
A ver se así os do IGAEM se poñen as pilas dunha vez e podemos por fin vela representada nun teatro.
Tamén eu digo, amigo Folerpa. Pero non estou eu seguro: hai que pagar os palés do tellado da CdC.