"Libro aberto" de madrugada

Coincidindo co inicio do curso, regresa á grella da TVG Libro aberto, o programa sobre libros e literatura dirixido por Luís Rei. Hoxe xirará arredor da entrevista que Manuel Romón manterá con Suso de Toro con motivo da aparición de Home sen nome. Mágoa que este primeiro programa da nova tempada se emita a partir das 01:40, o que constitúe un auténtico disparate e unha forma de facelo invisible. Semella que os responsables da nosa televisión pública esquecen axiña os seus compromisos de apoiar a visibilidade do libro e da promoción da lectura e volven as andadas arrumbando o seu programa literario (concibido para ser emitido a partir das 12:30) para que compita cos informativos de madrugada.
Libro aberto, un bo espazo, que foi gañando interese en cada novo programa e obtendo unha cota de pantalla máis que digna (faláronme de máis de 24.000 espectadores), merece outra ubicación no horario nocturno, que permita velo aos moitos que entramos a traballar ás oito da mañá ou a tantas outras persoas ás que lles gusta a literatura mais tamén deitarse un pouco máis cedo.
Somos xentes optimistas da vontade e seguimos crendo que outra TVG debería ser posible, aínda que con estas medidas claramente anticulturais (como a supresión do chamado “minuto do libro” ao remate dos informativos, un espazo gañado a pulso á anterior dirección), a verdade, é que o vemos cada vez máis díficil. A dirección da TVG debería retificar canto antes e ubicar Libro aberto no seu horario inicial.
Etiquetas: ,
5 comentarios
  1. folerpa
    folerpa Dice:

    Sucribo punto por punto as túas inquedanzas. Eu xa era pesimista dende o seu comezo e neste novo horario fai que o progrma deixe de existir. Pola contra ese modelno caixón de sastre que é miraxes goza dun horario privilexido ainda que sexa despoios do programa sobre o excitante mundo do motor.
    Unh aperta

  2. Ana Bande
    Ana Bande Dice:

    Eu tamén suscribo o que dis, da vergonza a total ausencia do mundo do libro na TVG e tamén no resto das TVs. Hoxe é bo día, seguro que o Gordon non nos deixa durmir…

  3. gardalivros
    gardalivros Dice:

    Mais unha disonancia entre o desideratum e o día a día.
    Non sei, cecais o que se precisa é unha segunda canle.
    O Canal 33 da televión catalana emite os venres dende o 2005 un programa dirixido polo escritor Vicenç Villatoro que se chama “de Llibres”, ás 10:30.
    Ademáis, fai reemisións no Canal 33, os sábados ás 11:00 e os domingos na canle local TVCi. E dispón dunha estupenda páxina web:
    http://www.tvcatalunya.com/dellibres/tots_programes_1.html
    Podería ser un modelo.

Los comentarios están desactivados.