Internet 2008, 11 tendencias
Esta anotación de Manuel Gago é desas imprescindibles para o arquivo do blog. Gago recolle algunhas tendencias de Internet que vexo moi claras (o maior peso das redes sociais, a reubicación do papel dos blogs e do seu número, internet como auténtico disco duro, o fortalecemento das edicions en liña sobre as impresas, a personalización…).
Dende Galicia, atreveríame engadir, a maiores, outras tres tendencias:
- primeira, a utilización de Internet como recurso didáctico nos centros educativos non universitarios e nas bibliotecas públicas baixo a forma de bibliorredes (provocado pola mellora da conectividade e o aumento da calidade dos recursos dixitais, elaborados polo profesorado e polas editoras e plataformas públicas educativas);
- segunda, na mesma liña ca anterior, o impulso do proceso de Alfabetización dixital (ALFIN) no marco da recuperación da lectura como centro das políticas culturais. O caso galego posúe a especificidade de vencellar o proceso de alfabetización dixital (o que supón a mellora da conectividade, o aumento do número de usuarios e recursos electrónicos) co de normalización lingüística. Semella a derradeira oportunidade da nosa lingua para non perder o tren dos novos tempos;
- e terceira, a utilización de Internet e dos recursos dixitais na publicidade, substituíndo aos soportes fixos estáticos e impresos (algo que xa está sucedendo con enorme forza nos EE.UU, no Reino Unido e no Xapón).
Etiquetas: Internet_2008