Inicio do curso
Como todos os anos, na xornada de inicio de curso teño saudades dos meus anos na escola infantil. Enfrontarme por vez primeira aos novos picariños, con toda a súa vida ás costas (desde os seus medos ao descoñecido á súa valentía para conquistar a autonomía de valerse), foi sempre unha das experiencias que me marcaron.
Na interacción da escola todos os mestres aprendemos dos nenos e todos –a pesar do desgaste emocional deste traballo e das lideiras imprevisibles que poden aparecer cos pequenos– saímos máis humanos.
Hai vinte e dous anos aprendín de Natalia, unha cativa do Budiño, filla dun mariñeiro embarcado no Gran Sole, unha frase que anotei no caderno de textos libres (unha bitácora que gardo como unha alfaia) e que dende entón nunca esquecín:
– Manolo, sabes?: no mar tamén pode chover.
Esta manifestación tan contundente do pensamento animista infantil, explicaba (mellor que calquera manual de Psicopedagoxía dos que estudabamos na facultade) proceso tan complexo como é a consideración da aprendizaxe como construción individual do coñecemento. Débolle ao texto oral de Natalia (hoxe unha muller de vinte seis anos, que non coñezo) comprender que aprendemos cando descubrimos un concepto que desfai o noso coñecemento pretérito. Velaí o papel insubstituíble da escola primeira, que hoxe comezou, para abrir e pechar os conceptos inclusores do coñecemento futuro.
Ten moita razón o Presidente cando afirma que “o futuro de Galicia se xoga cada día en cada centro educativo“. No investimento que os poderes públicos fagan na educación infantil e primaria (na formación e na mellora das condicións de traballo dos docentes, mais tamén, nos espazos e recursos de aprendizaxe, como nos servizos de atención complementaria) está boa parte do noso futuro como sociedade culta e moderna. Como sinala o presidente Lula: ” a educación non é un gasto, é un investimento“.
Nota ao pé: inserto unhas fotografías (que, por prudencia, prefiro non comentar) que enlazo dende o arquivo de imaxes da Xunta (unha fonte moi interesante para seguir as actividades institucionais das distintas consellarías, que non dubido en recomendar).
Segue a facer falta comunicar a alegría da volta á escola contra a visión socorrida das aulas e mestres como castigo. Tamén me alegrou o día Natalia.
Na foto o presidente entrega libros de texto???
Moi ben o texto, Bragado, moi ben, total e absolutamente de acordo. Infantil e primaria son fundamentais. E sabémolo todos os que temos ou tivemos fillos en tales tramos.
Neste sentido, habería que falar dos mestres e mestras. Dos bos, que os hai (e é unha benzón que lle toquen aos teus fillos). E tamén dos malos, que os hai… e bastantes.
E aquí enlazo coa promoción da lectura. Como pode potenciar a lectura (xa non en galego, senón en xeral) esa mestra-tipo que só pensa en ir á perruquería, ten como única lectura as revistas do corazón e que fala un “castejano de aupa”? Ou ese mestre-tipo, tan cutre e peseteiro, que non gasta un euro en mercar un libro e lelo, e que aínda por riba fai gala diso?
Ou falando de Educación Infantil, ese ou esa que, sen ser especialista nin gustarlle os pícaros, fixo tan só un cursiño de medio pelo que o capacitaba para darlles clases coa única finalidade de colocarse mellor nunha praza preto da localidade que lle interesa?
Son tipos que, dalgún xeito, habería que reclicar e facerlle modificar actitudes, pois quen os sofren son os nosos cativos.
E algo semellante tamén se podería dicir de non poucos profesores/as de instituto. Vexamos só algúns exemplos.
Esa profesora ou profesor de galego, que despois de facer filoloxía española, viu a oportunidade de “colocarse” e fixo unha incompleta reciclaxe universitaria ao galego, xa que había moitas máis prazas en tal materia, a pesar de non ter moita idea e de importarlle tres pitos a lingua e a literatura galega.
Ou tamén ese profesor ou profesora que, facendo a carreira de filoloxía galega, parece que lle tocou nalgunha tómbola a praza, pois cre que o único fundamental é o indoutrinamento máis sectario, e cuxas explicacións “teóricas” son dunha indixencia intelectual brutal.
Como se poden arranxar estes casos? Que mecanismos habería que poñer en marcha para impedir que a calidade sexa con eles tan só unha palabra morta?
Xa sei que tamén hai bos (e incluso moi bos) profesionais do ensino. E repito: é unha benzón que lle correspondan aos teus fillos. E unha desgraza o contrario.
A ver se se che ocurre algunha idea que vaia alén do “politicamente correcto”. Quedaría agradecido.
P.D.: O que insinuas das fotos, non alcanzo a entendelo ben. É acaso que Touriño fai un xesto populista coa entrega de libros? Certamente. Pero vexamos todas as fotos de absolutamente todos os presidentes e conselleiros autonómicos de todos os tempos en todas as autonomías (e tamén do goberno central). Non é acaso a mesma foto en todos os casos? A política, non guste ou non, tamén é iso: representación e populismo electoral. A min tampouco me gusta, pero Touriño non é o único, nin moito menos, nin quizais tampouco o peor. Non demonicemos, que o da absoluta prioridade da consellería de cultura ao da selección galega de futebol tamén ten o seu aquel, ou non?
En todas partes, moito me temo, cocen fabas.
Co comezo dun novo curso eu recunco nas miñas teimas de sempre. Eu Pagaría gustoso os libros do meu fillo se se me garantise o meu dereito a escolarizalo na súa lingua. Iso si, o dereito a clase de relixión está perfectamentente garantizado, e meu fillo e os demáis exilados pasan una hora a semán na aula do lado sen facer nada.
Concordo plenamente, Folerpa. Desta cuestión teño interese en que debatamos longo. A miña experiencia como pai é a mesma ca túa. Mágoa que isto sexa considerado case como unha excentricidade.
Saúdos.
Agradecería que o sr. Bragado tivera a deferencia de dedicar algunhas breves liñas a comentar o exposto no meu post de hai algúns días. Moitas grazas.
Florencio, velaí os meus comentarios.
Comezando polo final: non pretendo demonizar a ninguén, e moito menos ao actual presidente da Xunta, que me merece consideración, respecto e o orgullo de ser o primeiro presidente dun goberno de esquerdas en Galicia, polo que tantos loitamos durante moito tempo. Non quixen comentar as fotos e non o vou facer agora. Están aí e saíron publicadas en moitos medios.
Sobre a cuestión de fondo que propós: o papel do profesorado. Concordo. Os docentes son o corazón dá actividade educativa, sexan nos niveis infantís sexan nos universitarios. Non hai mellora posible da calidade da educación pública sen o protagonismo do profesorado, sen a súa implicación e compromiso nesta empresa social. Hoxe é unha realidade que ninguén nega que o noso profesorado está desanimado, socialmente pouco valorado e, nalgúns casos, acomodado ás rutinas do seu labor. Velaí unha tarefa prioritaria de calquera Administración Educativa: incentivar a calidade e avaliar (tamén)o traballo dos docentes. Preocúpame unha idea falsa moi extendida expresada no principio de que a mellora da calidade da educación conséguese con mellor dotación de medios (que tamén!!!). Mellores libros, máis bibliotecas de centro, mellores instalacións, máis ordenadores, programas de teleformación…; mais tamén, e sobre todo, un profesorado máis actualizado, máis innovador, máis atento a todo o que sucede no seu tempo. Nese investimento en capital humano está boa parte do éxito das reformas educativas en marcha. Agardemos que as Administracións competentes o teñan en conta.
Saúdos, Florencio. Obrigado polos teus comentarios.
Moitas grazas, sr. Bragado, pola súa constetación.
En efecto, non é moi difícil poñerse de acordo no QUE facer, e vostede ten toda a razón no que di e eu subscriboo.
Agora ben, o problema está en COMO facer que ese “que” sexa realmente posible. Velaí o gran problema.
Do “como” non di vostede nada e non llo reprocho, pois é ben difícil atarlle o rabo a unha mosca. Pero mentres non o encaremos imos de cráneo.
A ver se ten algún tempo para matinar nalgunha (hai que ir aos poucos) idea concreta de “como”. Pero tómeo con calma, que non quero monopolizar o blog.
Obrigado, Bragado.