Grandes imperios, pequenas nacións
Acabei de ler Grandes imperios, pequeñas naciones, un ensaio de Josep M. Colomer, publicado orixinalmente en catalán, que obtivo o IX Premio Fundació Trias Fargas 2005.
Un libro moi interesante para debater sobre o futuro de pequenas nacións, como Galicia, no novo entorno dos imperios europeo e americano. A análise dos conceptos de imperio, nación e globalización, o papel das linguas e da identidade, a reflexión sobre o fracaso da construción de España como estado nacional en Europa (como atención especial aos casos catalán e vasco) centran os contidos desta obra polémica e luminosa en argumentacións.
Moitas son as afirmacións salientables dun ensaio escrito con rigor e fluidez. Especialmente valiosos parecéronme os argumentos referidos a que o autogoberno das pequenas nacións hoxe é posible sen un exercito propio, fronteiras nin aduanas, o que é o mesmo que dicir, sen un estado soberano; ou aqueloutras referidas á defensa dun plurilingüismo compatible co uso de linguas francas ou o papel de Europa (“a soberanía das pequenas nacións consiste en ter un lugar na mesa da Unión Europea”) xa que para el a diferenza entre a independencia formal e a autonomía é só unha cuestión de grao. Singular interese teñen os cadros que relacionan todas as pequenas nacións do mundo e a análise sobre o actual plurilingüismo dual na Unión Europea, onde hai trinta millóns de cidadáns que teñen como primeira lingua outra difeente á primeira do estado.
Un libro valioso para repensar argumentos sobre a cuestión nacional e a soberanía. Recomendo unha lectura crítica e vagorosa.