Galegos na rede
Tivo interese a mesa redonda na que participamos varios blogueiros no seo das xornadas de Enredad@s. Gustoume moito a intervención de Marcus Fernández que presentou un panorama moi clarificador e completo sobre a situación da Internet en Galicia, propoñendo unha reflexión sobre a nosa fenda dixital (existente sobre todo no mundo rural galego, onde as carencias de infraestruturas son clamorosas) e, ao mesmo tempo, amosando a diversidade e calidade das nosas publicacións electrónicas e soportes de participación social. A intervención de Wicho, coautor de Microsiervos, o blog español máis importante do mundo foi impecable, propia dun mestre blogueiro. A pesar de que xa tiña noticia da súa enorme audiencia, impresionáronme as estatísticas (actualmente sobre 70.000 visitas diarias), a presentación das funcións, que foron engadindo ao longo destes tres anos, e a reflexión sobre o papel dos buscadores no desenvolvemento do blog. Roberto Noguerol reflexionou sobre a funcións de moitos blogs que se limitan a revitalizar noticias que aparecen, xeralmente, na prensa impresa, especulando sobre a posibilidade de que os blogs, vítimas do seu éxito, vaian degradando no futuro o seu papel. José Manuel Lage, o único deputado galego con blog aberto, falou da utilidade dos blogs na participación política e amosou algunhas das experiencias deste tipo, na súa opinión, máis salientables. Por último, eu presentei os temas e as razóns destas brétemas. Cinco intervencións que, grazas á magnífica presentación moi contextualizadora de María Yáñez, contribuíron a debuxar un panorama sobre diversas tendencias e opinións sobre a posición actual dos galegos na rede.
Actualización (21-11-2006): a foto corresponde ao fotolog de Wicho, quen hoxe tamén publica unha crónica da Mesa Redonda. Pola súa banda, Roberto Noguerol publica outra crónica moi traballada e unha síntese moi clarificadora da súa intervención. Coincido con Wicho no feito decepcionante que os asistentes ás xornadas non reflectisen a súas impresións na rede. Unha mostra de que algo aínda non funciona como debera.
Actualización (21-11-2006): a foto corresponde ao fotolog de Wicho, quen hoxe tamén publica unha crónica da Mesa Redonda. Pola súa banda, Roberto Noguerol publica outra crónica moi traballada e unha síntese moi clarificadora da súa intervención. Coincido con Wicho no feito decepcionante que os asistentes ás xornadas non reflectisen a súas impresións na rede. Unha mostra de que algo aínda non funciona como debera.
Unha mágoa que non puideses quedar a confraternizar no xantar, porque estivo moi ben o intercambio de comentarios, opinións e experiencias que se realizaron trala mesa redonda (xa que a mesa quedou moi xusta de tempo e non puidemos debater os temas co público).
Agradeceuse a túa explicación sobre o que é Brétemas, posto que hai xente que aínda non é consciente que os blogs serven para algo máis que para realizar comentarios sobre o que publican noutras partes. A túa bitácora é toda unha fonte de información da que é agradable beber de cando en vez.