Ferrín Retrata a Rosalía II
Ferrín publicou onte na súa sección “No fondo dos espellos” do suplemento “El Sábado” de Faro de Vigo (unha alfaia semanal, que aconsello non perder) a segunda entrega biográfica sobre Rosalía de Castro.
Como a anterior, o texto é memorable e –tras cuestionar o relato da tradición galeguista sobre o nacemento da Rosalía, acuñado por Carballo Calero e Lois Tobío– pon sobre a mesa a necesidade de contar cunha biografía fiable da nosa primeira escritora. Reproducimos o artigo completo para arquivalo na rede e poida ser utilizado como recurso didáctico.
A NOVELA FAMILIAR DE ROSALÍA DE CASTRO
X.L. Méndez Ferrín
Desde mediados do século XX, as circunstancias do nacemento e infancia de Rosalía de Castro sempre foron relatadas dun xeito fixo e comunmente aceptado. Vexamos. “Teresa de Castro Abadía, solteira, 29 anos. Pariu nunha casa emprestada do Camiño Novo, Compostela, unha nena o 24 de febreiro de 1837. Xosé Varela de Montes asistiu a Teresa neste parto. O mesmo médico e filósofo social embrulla a meniña e lévaa no colo do Camiño Novo ao Hospital (hoxe Hostal dos RRCC) no que había tamén inclusa. Batizan alí a naipela como María Rita Rosalía, filla de pais incógnitos. É madriña María Francisca Martínez, irmá ou enviada do pai da neófita. Por orde do pai, a María Francisca marcha coa meniña para a aldea de Ortoño, na cal a aleitoará a muller dun xastre para logo a familia paterna se facer cargo dela. Neste Ortoño Rosalía medrará e se fará aldeá galega. O pai era Xosé Martínez Viojo, crego de baixo rango adscrito á colexiata de Santa María de Iria ou da Adina. Mantivera relacións con Teresa pro coa eximente de facer tal (con 39 anos) antes de cantar misa. Finalmente, e non se sabe cando, Teresa, arrepentida, acepta a filla e dálle o seu apelido. Nai e filla aparecen xuntas en Compostela no ano 1853, tendo Rosalía 16 anos”.
Así é como, por aproximadamente, R. Carballo Calero nos conta as orixes de Rosalía de Castro.
Pro, examinada a historia cunha ollada crítica, vemos que non existen probas de que o doutor Varela de Montes intervise no nacemento da meniña para nada. Que o crego que a batizou se apelidase Varela Montero poidera estar na orixe do conto. Non hai fonte ningunha seria que diga que Xosé Martínez Viojo fose o pai de Rosalía, e menos que tivese a simple condición de seminarista no intre de a enxendrar. Se é verdadeiro o principio “pater semper incertus est”, como moi a propósito relembra Freud, neste caso resulta especialmente xusto. María Francisca Martínez nin era irmá do crego Martínez nin enviada deste, senón a criada da certissima nai. Despois desta morrer, María Francisca seguiu até o fin dos seus días con Rosalía e con Murguía e debeu de ser unha especie de segunda nai para a nosa autora. Non é certo que Teresa se desentendese inicialmente da súa filla, pois tomou disposicións para que ela fose rexistrada e confiada a unha descoñecida (para nós) ama de cría, que ben poido ser de Ortoño, que non é lonxe da aldea nativa de María Francisca (Campo). Sábese, seguro, por Álvarez Ruiz de Ojeda, que Rosalía vivía feliz coa súa nai e con María Francisca en Padrón no ano 1842. Ou sexa, desde os cinco aniños e non hai ningunha sospeita razoábel de que non estivesen xuntas desde o final da lactancia e de que, durante ela, a nai non tivese contacto coa filla.
Por que tánta mixtificación e tan infundados relatos cobran na bibliografía máis respectada a apariencia de verdades? A resposta está en que Lois Tobío Fernández, home serio, lles transmitiu todos os elementos infundados da estoria aos seus amigos e irmáns Fermín Bouza-Brey, X. Filgueira Valverde e outros, sábese que no ano 1923. Como máxima autoridade, Tobío invocaba o relato da súa tía avoa Minia Martínez Tobío, da familia do Martínez Viojo. Todo parece indicar que, baseándose nalgunha circunstancia que ignoro, quizais a de ter sido algunha muller da familia a verdadeira ama de cría en Ortoño de Rosalía, alguén dos Martínez de que falamos fabulou o conto da paternidade do crego da casa e da maldade da señorita De Castro que quixera desfacerse da filliña. Trátase, aparentemente, dunha fantasía de grandeza moi semellante á do “antepasado fidalgo ou ilustre”, tán común, que podería ser analizada, coma outras do mesmo xénero, mediante unha socialización da Familieroman der Neurotiker ou novela de familia do individuo neurótico de que tratou Freud en 1908.
Lois Tobío sucumbiu seguramente á fascinación da novela e convenceu da súa veracidade baixo palabra de honor, á xeración intelectual de 1925, que peregrinou precisamente a Ortoño e non a Padrón, poñamos por caso, para o acto fundacional do Seminario de Estudos Galegos facendo tal en memoria de Rosalía de Castro. Outra explicacicón non me dá vido ás mentes.
A vida de Rosalía de Castro, da que se ocuparon autores contemporáneos dela e nosos, alén de amosar pavorosos buracos de descoñecemento, áchase embazada, como quixemos advertir, pola mitificación e polas fantasías escritas e de transmisión oral. Nos nosos días, as brillantes investigacións de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda supoñen avances substanciais a respecto dos datos, e dos ensoños, aportados por anteriores eruditos que se ocuparon da vida da nosa autora máxima. Estamos á espera de que alguén con talento nos regale con esa biografía de Rosalía de Castro que o século XXI está a requerir.