Farenheit 451


Manuel G. Vicente

Hoxe preparei a contracuberta de Farenheit 451, o clásico de Bradbury que editaremos en breve. A lectura da nosa tradución volveu emocionarme como hai tantos anos me sucedera coa película de Truffaut. É un deses libros que non envellece, quizais porque como 1984 e Un feliz mundo novo souberon describir profeticamente a submisión de Occidente aos medios e ao conformismo.
A novela de Bradbury resulta asombrosamente visionaria: televisións de tamaño de paredes que mostran telenovelas interactivas; carteis publicitarios de sesenta metros de longo nas estradas; altofalantes en miniatura que a xente leva nos oídos para escoitar música e as noticias; a indiferenza das persoas con respecto a todo. Escrito hai cincuenta anos!!! A prosa poética e poderosa de Bradbury fusiónase cunha percepción extraordinaria sobre o potencial da tecnoloxía para crear unha novela que aínda ten capacidade de asombrar e impactar. Recomendo vivamente visitar esta antiutopía, agora en tradución de Marlén, na que os libros están prohibidos e un grupo secreto de libros vivintes esfórzanse en transmitir de boca en boca a antiga cultura.
3 comentarios
  1. dorfun
    dorfun Dice:

    …xa ía sendo hora de ter os clásicos da ci-fi na nosa lingua… supoño que crónicas e 451 serán o principio dunha longa chea de títulos, non?…

  2. Martin Pawley
    Martin Pawley Dice:

    A novela non envellece, non; pero o filme de Truffaut, buff… Eu, que lembraba telo visto de cativo na televisión, puiden velo hai cousa de dous anos en pantalla ¿grande? e cáeuseme enteiriño ao chan, en boa parte por culpa de Oskar Werner. Que falta de ritmo e de brío, que cousa tan antiga lle quedou a un cineasta sempre tan moderno e fresco coma Truffaut.

  3. Disque
    Disque Dice:

    Hai unha nova versión cinematográfica en preparación. Pero non lle auguro que sexa satisfactoria. Noraboa pola edición destes libros de Bradbury. Que siga esta traxectoria de edición das obras mestras da fantasía. Unha imaxinación fortalecida pode mover montañas e anticiparse aos problemas.

Los comentarios están desactivados.