Europa ten medo
A aprobación polo Parlamento Europeo, por práctica unanimidade, da chamada directiva da vergonza, contando co vergonzoso apoio do goberno Zapatero (vaia comezo de segunda lexislatura que leva!) e do grupo socialista europeo, amosa que os eurócratas (os posuidores da marca “Europa”) teñen medo a enfrontarse aos ultraconservadores populistas europeos (Berlusconi, Sarkozy e compañía) e escasa coraxe cívica para defender os dereitos humanos. Este claro recorte de dereitos á poboación inmigrante –unha posición xenófoba, queirámolo ou non– amosa moito medo ao diferente e auténtico pavor a perder os privilexios dos que gozamos os europeos a costa do malvivir dos países dese chamado Terceiro Mundo. Poden considerarse as persoas ilegais? Pode aceptarse unha retención de dezaoito meses nun centro de internamento por cometer o “delito” de querer vivir en Europa? Esta é a Europa que queremos construír como o grande proxecto político do século XXI? Con esta medida, como sinala Juan Varela, dá vergonza chamarnos europeos.
A “Convención Internacional sobre Protección dos Dereitos de Todos os Traballadores Migrantes e dos seus Familiares” da ONU foi firmada por só 28 dos 192 países que forman parte da organización. Ningún deles forma parte da Unión Europea. E non é por falta de tempo: a “convención” foi adoptada pola Asemblea Xeral da ONU en decembro do 1990.
Unha auténtica vergoña.
apoiada unanimemente pola Europa das Nacións -CIU, PNV: Galeuscat-
patético
Preocupante esta decisión. Nun país de emigrantes, esta resolución tería que espertar o noso máis firme rexeitamento. Murallas artificiais non van parar o movemento migratorio. Só unhas políticas que melloren a calidade de vida das persoas nos seus países de orixe poderán frear o movemento migratorio. Só lembrar unha cousa: ninguén emigra por pracer.
A deriva na que está naufragando a Unión Europea tamén che me preocupa moito. As regresións sociais en materia de inmigración e na ampliación da xornada laboral a 65 h. xunto co “NON” ao Tratado de Lisboa acadado en Irlanda fanme ser cada día máis euroescéptico. Se no Tratado para a Constitución europea votei en branco, hoxe votaría un tallante NON á devandita Carta Magna.
Lamento tamén a covardía dos Estados membros da UE por non someter a referéndum o Tratado de Lisboa. Tiñan medo a outro NON, coma o irlandés?