Edición pública
Mañá participo no curso sobre Edición institucional que organiza a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), dentro do seu programa de formación continua. A preparación da conferencia obrigoume a volver reflexionar sobre cuestión tan polémica. Que e como deben editar os poderes públicos?
A primeira precisión que entendo debe facerse é sobre o propio concepto de “edición institucional”, que propoño modificar polo de “edición pública”, como a realizada por axentes editoriais da Administración Xeral do Estado, da Xunta de Galicia, das Administracións Locais e das Institucións Educativas e Culturais Públicas (singularmente as tres universidades).
A segunda, é que nos últimos dez anos a edición privada en galego medrou un 139%, mentres que a edición pública reduciuse case nun 30%. O que supón que é falsa esa idea tan estendida de que a Xunta de Galicia é o primeiro editor en galego (chegou a selo a comezos dos anos noventa). É un feito irrebatible que hai unha tendencia clara e constante de redución da edición pública en Galicia (ata adoptar unha magnitude moi inferior ao do conxunto da edición pública española; en 2003 en Galicia supuxo un 9,58% do total da edición en galego, mentres no conxunto do estado acadaba o 15,15%).
A terceira atinxe aos obxectivos desta actividade editorial pública: fomentar a lectura, recompilar normas xurídicas emanadas dos seus órganos e informar á cidadanía sobre o traballo das diferentes administracións ou sobre cuestións consideradas de interese xeral.
O cuarto fai referencia aos criterios da súa organización: necesidade administrativa, utilidade social e austeridade.
Por último, no que atinxe as propostas para reorientar a edición pública, ademais das contempladas no borrador da Lei do Libro e a Lectura, propoño:
-
Aquelas publicacións que sexan consideradas como de carácter non venal (as que teñen posibilidades escasas de entrar no circuíto libreiro, como informes, plans dos gobernos e administracións…) deberían ser editadas en soporte dixital para ser descargadas na rede en formato PDF ou só a primeira en tirada moi reducida. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo a mediateca do Consello da Cultura Galega. Aforraríanse os custos variables de papel, impresión e encadernación.
-
Os proxectos de coleccións estables de carácter literario ou relacionadas coas artes, que pretenda promover a edición pública poderían ser realizados por medio do sistema de coedición ou de creación editorial concertada. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o IGAEM coa coedición con Edicións Xerais de Galicia, dende hai dezaoito anos, da colección “Os libros do Centro Dramático Galego”, hoxe a máis importante colección do teatro galego, que acada case o medio centenar de títulos. Modalidade que desenvolveu a editorial Galaxia coa Consellaría de Presidencia para a publicación dunha colección de “Clásicos Universais” en galego. Este sistema presenta na miña opinión importantes vantaxes para as dúas partes: para o sector público, axilidade na xestión dos dereitos de autor, maior visibilidade nos medios de comunicación e continuidade nun catálogo; para o sector privado, permite atopar viabilidade para xéneros moi minoritarios a custes asumibles.
-
Este mesmo sistema podería ser empregado para edicións singulares propostas por editoriais privadas. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o Consello da Cultura Galega. Tanto nun caso coma noutro, os convenios de coedición deben axustarse ao sistema establecido polo réxime de contratación coas administracións públicas.
No acabo de ver claro el tema de la modificación de institucional a público. El problema que veo, básicamente es que convertiríamos el adjetivo público-privado en el elemento sustantivo del debate. No quedaría además nada claro cuál sería el espacio, por ejemplo de la Edición de las Universidades Privadas mantenidas con fondos públicos, siendo consciente del debate que hay de fondo sobre el tema, pero….¿No debe cumplir en cualquier caso la edición, sea cual sea el espacio social desde donde se realice, una función pública en la medida que es una “herramienta cultural”?.
Disimúleme o tema transversal, que diría a LOXSE, pero qué será agora da EGAP sen a súa alma mater, Domingo Beautiful Xaneiro. E mira que turrou para que non o cesaran, pero ó cabo chegoulle a hora…