"Cullerón" de John Berger
CULLERÓN
Peltre cheo de picadelas
a lúa do cullerón
erguéndose sobre a estivada
mergullándose na pota
servindo a xeracións e xeracións
fumegando
dragando o que agromou das sementes
na horta
espesado con pataca
sobrevivíndonos a todos
no ceo de madeira
da parede da cociña
Nai servicial
que co fumeante peito de peltre
veado polos sales
alimentou os seus fillos
esfameados coma xabaríns
coa terra do serán
engastallada nas unllas
e o pan irmao
nai servicial
Cullerón
bota no prato
o ceo fumeante
co sol cenoria
as estrelas de sal
e a graxa da porca terra
cullerón
bota no prato
o ceo fumegante
bota caldo prós nosos días
bota sono prá noite
bota anos prós meus fillos
(John Berger, poema extraído de Porca terra. Tradución: Xoán Abeleira)