Congreso do IBBY en Compostela, 8 ao 12 de setembro

Ao longo da tarde de onte realizamos unha nova xuntanza do Comité Executivo do 32º Congreso do IBBY que se celebrará no Pazo de Congresos de Compostela do 8 ao 12 de setembro. Tras as múltiples dificultades que houbo que superar para organizar con dignidade e humildade –en tempos de crise e recurtes orzamentarios que afectan tanto a todas as administracións públicas coma aos patrocinios das empresas privadas– un evento internacional tan grande e importante coma este, non teño dúbida que o de Compostela será un magnífico Congreso IBBY. Chamadas polo tema «A forza das minorías», participarán case seiscentas persoas, chegadas dos cinco continentes, o que supón que será a cita literaria internacional máis numerosa e diversa do ano e o congreso literario máis importante dos celebrados en Galicia. Dentro do apretadísimo programa (aquí un adianto case completo en pdf) dispúxéronse polas mañás as conferencias (entre elas a esperadísima de Manuel Rivas: «A literatura infantil e xuvenil dende (como) inxurxencia poética», o domingo 12), mesas redondas e obradoiros, deixando as tardes para a presentación das comunicacións e as actividades do IBBY. Outros ponentes galegos serán Miguelanxo Prado, Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, María Reimóndez, Eva Mejuto, Blanca Ana Roig, Víctor Freixanes, Montserrat Pena Presas e Gonzalo Moure. Durante o congreso entregaranse os diplomas da Lista de Honra do IBBY (onde estarán os galegos Agustín Fernández Paz e Nacho Chao), os Premios IBBY-Asahi de Promoción da Lectura 2010 e os Premios Andersen 2010. Ademais haberá case unha ducia de exposicións e outras actividades para os congresistas (dende un concerto de Mercedes Peón ata varios roteiros literarios e históricos pola cidade de pedra). Agardamos que durante os cinco intensos días do Congreso todo vaia o mellor posible e que os nosos convidados e convidadas conserven para sempre unha lembranza inesquecible de Compostela, Galicia e a súa cultura.

4 comentarios
  1. Belen Solleiro
    Belen Solleiro Dice:

    Disfrutádeo moito.Unha pena que os recortes orzamentarios non faciliten a presenza de máis xente, as taxas eran moi elevadas e non non todos os petos so poden permitir. No caso dos traballadores funcionarios do Concello da Coruña non se non dou a oportunidade a ningún e pensando nun evento dame ´mágoa. Sabedes si se pode ir a escoitar algunha conferencia por libre???

Trackbacks y pingbacks

  1. […] maiores das conferencias, táboas redondas e obradoiros que integran o programa do IBBY 2010, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia acolle diversos stands entre os que figura o da […]

  2. […] das conferencias, táboas redondas e obradoiros que integran o programa do IBBY 2010, o recinto expositivo acolle diversos stands entre os que está o da Asociación Galega de Editores […]

  3. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado and Filipe Diez, Santiago Turismo. Santiago Turismo said: Congrso internacional de litratura infantil y juvenil RT @bretemas: «Congreso do IBBY en Compostela»,anotación no blog, http://bit.ly/bexgK7 […]

Los comentarios están desactivados.