Cen anos de historia cultural
Alerto do nacemento onte dunha importante nova sección xornalística que Marcos Valcárcel publicará cada domingo no suplemento Lecer de Galicia hoxe. Valcárcel, con motivo de celebrar o centenario da Academia, acomete o ambicioso proxecto de percorrer anualmente a historia cultural galega ao longo dun século. Recuperar este xénero de efemérides, que tanta importancia tivo no xornalismo do dezanove, é unha magnífica idea neste ano, tamén, da memoria. Esta primeira entrega, dedicada a 1906, relata o nacemento da Academia ou de persoeiros da talla de Tobío, Filgueira ou da fábrica de cervezas Estrella de Galicia. Un proxecto oportunísimo que seguiremos semanalmente. Parabéns para o noso amigo o infatigable e rigoroso Marcos Valcárcel.
Moitas grazas polas túas xenerosas palabras. “Cen anos de historia cultural” era un vello proxecto que tiña na mente e pensei que este ano (centenario da Academia) era o momento oportuno para darlle saída. É tamén un xeito de recuperar as vellas Efemérides do XIX e principios do XX, que tiveron executantes tan relevantes como os ourensáns Arturo Vázquez Núñez e Alberto Vilanova. Ademais, xa que estamos no ano da Memoria, necesitamos tamén unha memoria cronolóxica, diacrónica, que nos axude a situarnos e enfocar o futuro coas costas ben cubertas por un pasado que non ten páxinas baleiras. Grazas de novo. Marcos Valcárcel.
Marcos Valcárcel conxuga eficazmente o labor de xornalista coa súa formación historiográfica de experto coñecedor da cultura galega. O resultado soen ser espléndidos frescos, repletos de información relevante e moi ben escritos. Como se dicía antes, é un autor que instrúe deleitando. Parabéns pola iniciativa. Leremos as súas entregas e enterarémonos de moitas cousas, unhas que ignorábamos e outras que tiñamos xa esquecidas.
Cómpren máis exercicios coma este contra a amnesia (moi emparentada co autoodio) que padecemos. Sorte
É unha magnífica iniciativa, moi útil para todos os cidadáns e tamén para o ensino. Súmome ós parabéns.
Moi enxeñosa a páxina de Estrella de Galicia (temos algo especial desde 1906)
Aquí nas Asturias a rubia non a hai en todos os sitios. É posible tomarse unha caña tirada a presión por unha desas cabezas de Sargadelos pero é unha fazaña atopala embotellada nos super/hipermercados. Mágoa!
Saúdo afectuoso, Brétemas.