Abecedario para Rosa
Oínlle a don Xesús que a presentación dun libro é un subxénero da oratoria caracterizado pola gabanza equilibrada. Dende entón, pretendo ter sempre presente esta definición porque a desmesura dos editores no uso de adxectivos grandilocuentes, motivada sempre pola paixón na defensa do libro, pode levarnos a falta de credibilidade.
Creo que non foi este o caso de onte na cidade guindastre cando presentamos a novela de Rosa. Defendina con paixón porque esta narración, tan arrebatadora como poderosa, entusiasmoume dende a primeira lectura. Un acto, concorridísimo e emocionante, que nos deparou a fortuna de escoitar unha intervención memorable de Carlos Negro, que reinventou o xénero da presentación por medio da creación dun abecedario elaborado só con palabras utilizadas pola de Meirás. Non me resistín a anotalas na libreta unha por unha. Que bonito!!!
Un abecedario para Rosa con motivo de Veu visitarme o mar
Alba, bolero blues, caixas, chuvia, Despeñaperros, emoción, ferida, Granada, hule, inferno, Lira, mar, negra, onda, Pinocho, querenza, romeu, síndrome do Noroeste, trankimazín, universo, vento, xitana, zona cero.
Quen lera a novela comprobará que son as palabras xustas e equilibradas. Beizóns para Carlos e Rosa por unha noite na que nos emocionamos ao falar do ser humano. Seguramente diso trata a literatura.

