Historia do libro

Pasei boa parte da tarde debullando esta espléndida Historia del libro de Frédéric Barbier que Alianza porá nos andeis das librarías dentro duns poucos días. Concibida dende unha perspectiva interdisciplinar, e moi ancorada, quizais excesivamente, na cultura e tradición editorial francesas, a obra vai abordando tanto a evolución do soporte, dos materiais e dos procedementos cos que se foi confeccionando o libro ao longo da historia, como os aspectos literarios, económicos, sociais ou políticos que determinaron o seu progreso e a súa permanencia.
Interesáronme moito as notas eruditas á marxe, enchidas de citas e curiosidades, ademais dos aspectos referidos aos cambios no uso das tipografías (“en caso de dúbida, empregue Caslon“), así como á evolución da tecnoloxía do papel e os procedementos de composición e impresión, aspectos que foron determinando a actual fasquía diso que chamamos libro. Como volume de referencia, recoméndoo aos profesionais da edición e aos amantes da historia da cultura impresa.

O libro e o seu soporte

Barandiarán volve propoñer un debate sobre os límites da lectura máis aló do soporte: por que non chamamos lector ao que le na pantalla? Remítenos a outra súa reflexión anterior, sobre os límites do concepto da edición e do libro. A verdade é que concordo plenamente con esta análise: o traballo do editor está por riba do soporte (sexa o tradicional en papel, sexan os novos dixitais, ríxidos ou en liña), xa que o miolo do noso traballo está na selección, xerarquización e tratamento dos contidos (textuais, gráficos ou icónicos).
Por certo: lendo no mesmo blog de Barandiarán atopei un traballo de Millán que axudaría moito ao debate que anima jaureguizar sobre a propiedade intelectual na rede.

Pan da cultura

Hoxe, día do libro, a Libraría Brañas de Carballo entregará un molete de pan coa compra de cada libro; unha idea que manexamos na editorial en moitas ocasións e que agora vemos en marcha. Bo proveito e boa lectura!