Pechou Galí
Cando camiñaba cara á presentación quedei magoado ao comprobar que a Libraría Gali pechara. Apagou este prodixio, a libraría máis antiga de España sen remodelar, que sobrevivía intacta desde 1872 no número 66 da rúa do Vilar. Apenas un carteliño no escaparate indica o traspaso do local. Como editora e libraría hai xa algúns anos que perdera pulo, mais aínda conservaba o encanto melancólico do seu magnífico escaparate e as súas vitrinas exteriores que tanto nos ensinaron durante os anos de emerxencia do libro galego. Hai seis anos, en Lugo pechara Alonso, a libraría da praza do Campo, fundada en 1863. As dúas eran as máis antigas de Galicia. Alá foron.









