U-la túa casa?

A túa casa está onde están os teus libros.

De que están feitas as palabras?

As palabras están feitas de material inflamable que se incendia ao rozalas coa imaxinación. (Octavio Paz)

Recomendo ver devagariño este vídeo-post de Barbol construído só con palabras e música.
Obrigado a Txetxu e a Moebius polo magnífico enlace.

Discreción

Este home case se enteira de todo. O que publica hoxe demostra que ten moita razón María, a quen onte lle oín dicir nunha entrevista, que lle fixeron na radio a raíz da aparición deste blog: “os blogueiros non poden ser persoas que deban gardar discreción”.
María: entón, que debo facer eu (non me quero comparar co MHP, madia leva!)?: abandonar a miña profesión ou deixar de escribir as brétemas?

Máis feeds novos

Incorporo aos meus feeds dous blos que deixaron hoxe comentarios: moito obrigado, Breogán (escritor) e Leco (editora).

Postear na oficina?

Vía Catuxa chego a esta proposta voluntariosa de Andrea. Entendo que ven ser algo así como “se o teu traballo cómeche tempo para postear, arranxa para comerlle na oficina tempo ao traballo”. Que carallo fas traballando tanto e tendo abandonando o teu pobre blo? Xenial! A verdade é que non se che me ocorrera esta solución nestas últimas semanas nas que estou ata as cellas de textos, reunións e viaxes (situación de desborde que sei viven moitos outros amigos e amigas da rede). Ánimo para todos, temos o consolo de contar coas fins de semana para postear.

Blog de Antón Castro

Tiña algunha noticia de que Antón Castro, o xornalista e escritor galego afincado en Zaragoza, tiña un blog literario. Atopeino hoxe ao chou e descubrín que, ademais das magníficas entrevistas e críticas sobre temas literarios, artísticos e sociais, fai unhas crónicas e artigos de fútbol preciosos. Unha boa demostración do seu grande talento como narrador e da súa experiencia como xornalista deportivo. Recomendo frecuentar o seu blog e acudir aos seus arquivos onde se poden atopar cousas coma esta ou estoutra paverísima sobre Porrúa (o editor de Corcubión) e “a forza dos libros”.

Intifada ghaiteira e outros feeds

Cada semana actualizo os meus feeds (xa chego case ao centenar). Hoxe engadín estes novos: Intifada ghaiteira (do que tiro a foto), Alicia crece, A tola do monte (vai un bico virtual), Apunta e Miccionario. Co comezo do ano isto volveu dar un chimpo e albisco que ao remate deste ano poderemos superar o milleiro de blos. Parabéns e azos para todos.

Outro blog sobre Vigo

Grazas aos amigos de Vigoblog sei de Praza do Rei, outro blog sobre temas municipais vigueses. Non hai dúbida de que a cidade estrépito precisa de máis medios rabudos na rede coma este. A verdade é hai tempo que xa coñeciamos o paradoiro do predicador, algo que preocupaba moito na bancada de Río Alto.

Máis blos

Engado os meus feeds novos blos moi interesantes que fun descubrindo nas últimas semanas: Galego Correcto, Calidonia e Aquí. O blogmillo segue medrando con propostas cada vez máis orixinais.

O 2005 en blogs

Aínda que sei que non hai que abusar do metablogueo, non me resisto a enlazar a lúcida análise do ano que realiza o mestre Pawley, a quen tanto admiro. Eu só lle engadiría unha referencia ao enorme traballo de Juan, un referente de xornalismo na rede comprometido e infatigable.

Primeiro aniversario

Hoxe estas brétemas chegan ao seu primeiro aniversario. Empeceinas, case ao mesmo tempo que o meu amigo jaureguizar, coa inxenuidade de quen descoñece que esta escrita comunitaria na rede ía crearnos certa adicción, moitas satisfaccións e pequenos disgustos. Confeso que me mudaron a vida. Grazas a elas aprendín a moreas da xente marabillosa do blogmillo e das pequenas comunidades de persoas participantes na rede da conspiración dos libros libres. A todas elas, beizóns!

Entre os 540 posts publicados prestáronme, por moi diversas razóns, esta ducia (un de cada mes):

Estas brétemas pretenden seguir este segundo ano co mesmo empeño de esperanza que as viu nacer.