Máis feeds

Aproveito o acougo da noite de día feriado para actualizar os meus feeds (acado os 128). Atopo páxinas novas que ata agora non visitara e que agora recomendo: Ourensalia; Sobre filloas, mel; Malo de aturar; Noite subsahariana; Trasalba, Ámote moito, Desorde e o espazo do meu amigo José Viale Moutinho, con quen compartín a pasada sexta feira un bo parrafeo. Non hai dúbida que a renovación do blogomillo está chegando dende as terras de Serenou.

Os blos na TVG

Manolo Gago dá conta da reportaxe que sobre os blos en Galicia emitiu Rec- cámara, un novo programa informativo da TVG. A verdade é que quedou moi ben, sobre todo polo ritmo trepidante deses apenas cinco minutos e pola claridade das intervencións dos blogueiros para explicar as características do fenómeno blog. Aconsello ver o vídeo.

As uvas na solaina

Marcos Valcárcel acaba de abrir blo. Estou certo que será unha referencia de rigor e elegancia. Recoméndoo moi vivamente.

Galicia en goles

Moi curioso este blo de Carlos Reboreda contando a experiencia da súa participación no programa Galicia en goles (para min un dos espazos máis arredistas e comprometidos da radio pública, escoitándoo hai veces que creo vivir nun país que acadou a independencia). A verdade é que polos primeiros posteos deste blo recente paréceme máis interesante dende un punto de vista da crónica radiofónica ca da abordaxe do tema deportivo. Agardo con impaciencia que o debate futbolístico entre máis de cheo nos nosos blos, ata agora moi pouco interesados, con honrosas excepcións, no tema.

O fetichismo das brétemas de papel

Souben hoxe de que hai tres semanas saíu publicada a reportaxe sobre os aditos ás libretas. Aínda que reivindico o pracer da caligrafía e o fetichismo de conservar as brétemas de papel numeradas, sei que é outro dos costumes chamados á extinción. Esta é a razón de que apareza como unha tendencia excéntrica?

Galegos na blogosfera

Hoxe Alberto Quián publica no Faro unha reportaxe sobre blos.

Ánimo, Juan!

Hoxe Juan explica a razón do seu silencio durante os últimos quince días. O blog deste betanceiro, instalado en Madrid, é un dos referentes de xornalismo na rede máis rigoroso e incisivo. Todos os nosos abrazos para el.

Chuza.org

Paréceme unha iniciativa magnífica a de chuza! Un espazo que se define como

un sitio de novas galegas que emprega un control editorial non xerárquico. Calquera pode enviar historias e a comunidade de internautas é quen as valora, as comenta e decide se publicalas na páxina principal, de forma que non intervén nunca a figura do editor…

Paga a pena que sexan os lectores os que ponderemos a información. Todo un reto concienzudamente deseñado. Beizóns, outra vez para, Berto.