Onte 1778: Feijoo inicia a despedida

Feijoo-Real-Banda-Gaitas-Ourense_EDIIMA20161104_0844_19

Comeza a terceira lexislatura de Alberto Núñez Feijoo como presidente da Xunta coa paradóxica estabilidade do seu goberno e coa mudanza completa da oposición tanto na composición os seus grupos como nos seus liderados. Unha situación cómoda para un Feijoo feliz e pletórico que xa emula a Manuel Fraga identificando as propostas do seu partido cos intereses xerais de Galicia e que, probablemente, o levará a ofrecer consensos e acordos á oposición en cuestións como o financiamento autonómico e a cuestión demográfica.

A toma de posesión no Obradoiro do pasado sábado, coa presenza de Mariano Rajoy e de bandas de gaitas, visualiza esta nova fase, a da lexislatura da despedida de Feijoo, un político chamado a desempeñar en Madrid as máis altas responsabilidades. Porén, a súa marcha non dependerá xa do seu desempeño en Galicia, se non da marxe de gobernabilidade que a Rajoy lle ofrezan os que mandan hoxe no PSOE. Razón pola que non semella descartable que en Galicia, tras a mudanza inminente da actual xestora do PSdeG-PSOE, se ensaie un proceso de colaboración entre as dúas formacións estatais.

Tras o inicio da lexislatura, Xoaquín Fernández Leiceaga non ten doado sequera liderar o seu grupo, como Luís Villares e Ana Pontón deben decidir se diante de semellante fortaleza conservadora apostan por unha estratexia na que privilexien a colaboración ou a competencia entre as súas formacións. A recomposición dunha alternativa de gobernabilidade viable é un reto para todos os tres, xusto cando Feijoo inicia a despedida.

Onte 1750: Galicia conformista

Nas galegas de onte Feijoo volveu esmagar á esquerda co seu modelo da Galicia conformista. Ocupando o espazo de Ciudadanos e aproveitando a fondo a mobilización do corpo electoral (a participación aumentou nun 8,84% con respecto a 2012), Feijoo obtén o seu mellor resultado e presenta a súa candidatura a relevar a Mariano Rajoy.

Pola contra, a esquerda galega no seu conxunto non consegue incrementar os seus apoios (644.952) con respecto a hai catro anos, limitándose a intercambialos entres as súas tres opcións: En Marea gaña 70.590 con respecto aos que obtivo AGE en 2012; PSdeG-PSOE perde 43.032 e o BNG 27.045, cifras que expresan tanto este intercambio como a incapacidade das tres candidaturas que se presentaban como alternativa para entrar nas fronteiras do terreo conformista. Un mal resultado que cada unha das opcións veste o mellor que pode, En Marea salientando o seu sorpasiño fronte a un PSdeG-PSOE, dividido e enfeblecido polos liderados locais, sobre todo en Vigo e Ourense; e o BNG, fachendoso da súa remontada e de desmentir os prognósticos que lle agoiraban a perda do grupo parlamentario.

Con estes pobres resultados, a esquerda e o nacionalismo galego moito teñen que mudar para artellar unha alternativa para 2020 capaz de substituír á fortaleza do partido conformista. Xaora, o máis esperanzador é, canto menos, a remuda xeracional das tres candidaturas, o que suporá unha profunda renovación dos grupos parlamentarios e dos seus liderados. Nunha lexislatura que, previsiblemente, non rematará Feijoo, é imprescindible que dende o inicio a alternativa visualice os seus liderados e a súa proposta programática. O reto, pois, é substituír a dóce melancolía dos sempre derrotados polo entusiasmo dos que pretenden acuñar un tempo novo.

Onte 1745: Hai campaña!

Debate_12_09_2016

Despois do debate da noite de onte non hai dúbida que en Galicia hai alternativa para asumir o reto de reorientar a actual derrota do país. Pontón, Leiceaga e Villares, dende posicións e estilos oratorios moi distintos, amosaron que comparten tanto a decepción polas dúas lexislaturas de recortes e retrocesos de Feijoo, como, o que é máis importante, boa parte das medidas de reconstrución da nación galega e do seu autogoberno. A experiencia e a afouteza de Ana Pontón, o rigor económico de Xoaquín Leiceaga e o entusiasmo de Luís Villares conseguiron enredar a Feijoo que, como agardabamos, se defendeu embullando canto puido o plató.

Ben sei que as tres intervencións da esquerda foron moi desiguais, o que afectará dalgunha maneira as súas candidaturas. Creo que a magnífica participación de Pontón, a mellor das cinco participantes, dando coa agulla de marear de Feijoo, axudará ao BNG na súa remontada contra as profecías interesadas das enquisas. Como creo que á En Marea non lle axudou a inexperiencia parlamentaria de Luís Villares, aínda que poida ser compensada pola súa simpatía e teimosía en denunciar o caciquismo baltarista. Como lamento que os casos de corrupción do PSdeG-PSOE achantaron durante uns segundos a un excelente Leiceaga, xusto cando Feijoo estaba máis apoucado polos paos que recibía pola destrución dos discos duros do seu partido.

Xaora, o importante é que este debate conseguiu relanzar a tensión da campaña da esquerda galega que en liñas xerais se amosou unida e determida a artellar discursos alternativos ao conformista de Feijoo, un rival sempre temible e incansable. Mobilizar o voto progresista e galeguista apartidario pode ser a chave para unha vitoria da alternativa. Hai campaña!