A tribuna de Borrazás

Tras a arroutada da pasada semana, é moi recomendable a lectura da sereno resposta de Xurxo Borrazás. Así comeza: “Certo. Os escritores e escritoras nunca temos a razón. Falo por min, que ninguén se ofenda. Somos egoistas, resentidos, perrenchudos, vaidosos e desagradecidos coa man que nos dá de comer. É por iso, intúo, que os lectores veñen a nós.”

Etiquetas:

A segunda vida do relato galego

Recomendo a columna de Óscar Iglesias. É moi clarificadora das tendencias actuais na narrativa galega.

(Actualización: 16:00): Ten razón Folerpa, este artigo de Dolores Vilavedra abre outro debate importante sobre a posición do escritor galego alén do Padornelo. Mágoa que a crítica compostelana non se atreva a personalizar, xa que tal como se expresa parece pretender meter no mesmo saco a todos os narradores e narradoras que viron traducidas as súas novelas ao castelán ou foron entrevistados nalgunha oportunidade na cadea SER (algo excepcional). Abrir unha tea de “sospeita” sobre todos non me parece o mellor xeito de contribuír a un debate cultural construtivo sobre a exportación de textos literarios galegos.
Teño insistido en moitas ocasións na miña convicción de que a proxección da literatura galega alén do noso sistema editorial e literario precisa dunha estratexia de país, compartida por autores, editores, críticos e membros da Administración; estratexia da que carecemos e da que non se albiscan indicios tampouco.
Máis significativo aínda que o texto (un chisco vehemente e malhumorado) de Vilavedra é que a vindeira semana se despracen corenta e cinco persoas á Feira do Libro de Guadalaxara (cos responsables da Consellaría de Cultura á cabeza) e non teñamos noticia ningunha, por exemplo, sobre a creación dunha “Oficina da Literatura Galega”, que alicerce esta estratexia exportadora imprescindible, ou da creación do Instituto Galego Rosalía de Castro (contemplado na Lei do Libro e a lectura, aprobada por unanimidade polo Parlamento galego). Ben sería, abandonar tácticas curtopracistas e apostar todos e todas polo pase longo. No Encontro de Mariñán, que se celebrará á vindeira fin de semana, presentarei a miña proposta sobre tan decisiva e polémica cuestión.

Etiquetas: