Cambios na AGE
Hoxe na asemblea da AGE decidiuse que as eleccións para elixir nova Xunta Directiva serán o luns 19 de xuño. Miguel Anxo Fernán Vello, o noso presidente, amosou o desexo de entregar a testemuña a un novo equipo. Os que colaboramos estreitamente con el, durante estes dous anos de intenso traballo, non podemos máis que agradecerlle a súa xenerosa dispoñibilidade e o seu talento diplomático que permitiron elevar a unidade, autoestima e a profesionalidade do gremio de editores galegos. A normalización do traballo da asociación nunha cultura de transparencia e diálogo, a intensa participación dos editores na elaboración do anteproxecto da lei do libro, a colaboración leal con outras entidades profesionais do sector, o inicio dunha política de proxección do libro galego no exterior, a mellora da información sobre as actividades do sector, a celebración dos Simposios do libro e a da lectura e da Noite da edición son algúns dos éxitos da xestión de Fernán Vello, moi valorada por todo o sector da edición.
O novo equipo de dirección da AGE, que, con respecto ao actual, será moi renovado, deberá facer fronte a importantes retos, singularmente a atopar unha alternativa viable á modalidade de préstamo do libro escolar e a poñer en marcha o Salón do Libro e da Industria Cultural, unha ambiciosa plataforma de promoción da nosa produción cultural que se pretende celebrar cada ano en Pontevedra no mes de decembro. Para os que sexan elixidos o 19 de xuño, os mellores éxitos, que serán os de todos os editores galegos.

Etiquetas:AGE, FernánVello
Pois si que é unha mágoa que Miguel Anxo non continúe dirixindo a nave dos editores. Tanto polo que representa no gremio como polo labor realizado nos últimos tempos, como moi ben indica brétemas, coido que non vai ser doado reemprazalo. Supoño que tentará alixeirar a equipaxe de tantas responsabilidades como ten. Se é así, adiante, e parabéns polos éxitos acadados, que non son poucos.
Mágoa que marche agora que semelhava estar mudando de actitude. No entanto, “talento diplomático”? Co devido respeito: coma min, mais ou menos.
Saúde.