As sondaxes e o BNG
Un comentarista parece dubidar da miña afirmación referente a que “o BNG mantén con firmeza os seus apoios”. Aínda que non son especialista en demoscopia, creo que a miña interpretación destas primeiras sondaxes publicadas (tanto a da Voz como a do Barómetro) non é errada. Así, na primeira, o BNG mantén os seus apoios xa que en intención declarada de voto, cifrada no 11%, correspóndese co seu promedio dos últimos anos (do 11% a 13%), dato que se o extrapolásemos con outras variables (o que é moi arriscado apenas transcorridos nove meses dende as eleccións) situaría aos nacionalistas nunha porcentaxe de voto do 19% (moi semellante á que obtivo nas autonómicas de 2005). Na sondaxe do Barómetro, a intención de voto do Bloque sitúase no 17% (case idéntica ao 17,3% que este mesmo estudo lle agoiraba antes da eleccións). Non semella moi fundamentada, pois, a interpretación de que a subida espectacular do PSdeG-PSOE sexa a costa dos seus socios de goberno e, si pola contra, ao derrumbe do teito do PP. Feito que, previsiblemente, poida modificarse xa que Alberto Núñez ten unha boa valoración entre os enquisados, o que a longo prazo debe axudar a remontar ao seu partido (outro cantar será ponderar o que poida influír en Galicia a estratexia entolecida de oposición de Rajoy).
Así as cousas, non hai dúbida de que o grande risco do BNG é chegar a sufrir a “síndrome Orozco”, perdendo parte dos seus apoios a prol do cabalo gañador que supón contar coa presidencia. Con todo, esa posibilidade dilucidarase moito máis adiante. Non teño dúbida de que no goberno galego quen faga ben o seu traballo e amose unha posición máis xenerosa e colaborativa co seu socio, será quen tire os mellores réditos electorais. Con esa perspectiva honesta e corresponsable deberían traballar os nacionalistas.
Así as cousas, non hai dúbida de que o grande risco do BNG é chegar a sufrir a “síndrome Orozco”, perdendo parte dos seus apoios a prol do cabalo gañador que supón contar coa presidencia. Con todo, esa posibilidade dilucidarase moito máis adiante. Non teño dúbida de que no goberno galego quen faga ben o seu traballo e amose unha posición máis xenerosa e colaborativa co seu socio, será quen tire os mellores réditos electorais. Con esa perspectiva honesta e corresponsable deberían traballar os nacionalistas.
Pois no derradeiro parágrafo si que estou de acordo. A estratexia “vicepresidencialista” de Quintana gastando o diñeiriño de todos en publicitarse como goberno á parte, e do BNG facendo de oposición ás consellarías gobernadas polo PSOE, vai ter o efecto contrario ó pretendido polos seus autores. Isto sen contar a sangría económica que suporá tal “investimento” publicitario que pouco lle valeu, por exemplo, a Castrillo en Vigo: tantos cartos metidos no Faro de Vigo para nada.
Para cando deixaremos de ocuparnos do BNG para preocuparnos das cousas realmente importantes? Os ex-BNG e os BNG benpensantes deberían irse sacando ese síndrome de referenciarse na organización frentista, que acabou, entre outros, con persoas tan válidas como Camilo Nogueira, partidos como EG, EU ou con movementos populares esperanzadores como Nunca Máis, fagocitados polo sectarismo e malas artes do mesmo nacionalismo de sempre que algúns aínda -a pesar do paso dos lustros- pensan que poden modificar.
Pois nada, a fozar na mesma toba de por vida, que non hai présa.
Xa sabe vostede cómo son estes do “mundo da cultura”: unha candea ao Bloque e outra ao PSOE. Por se as moscas.
Nunca lle diga vostede a un destes do PSOE que non son os máis listos: fulminarao desde a súa olímpica suficiencia.
Señor das Brétemas: quen corrixe a un do PSOE pode correr certos riscos. Estalle dicindo que non é o máis listo, e ao mellor o fulmina desde a súa olímpica altura.
Pense que, en efecto, xa está ben de tanto BNG, ese grupello que come votos propiedade do único partido progresista no que cabe “referenciarse”: o de Mariño, Vázquez e compañía.
Xa o dixera, seica, Felipe González hai case trinta anos. En Monforte, un nacionalista galego faláralle das súas posicións políticas. Contestou o sevillano, xa ben sabido daquela: “Si, todo eso está muy bien, pero no tenéis dinero”. Onde hai clase, nótase.
Nota: obviamente, nese partido hai xente ben digna, e ao mellor non tocada pola síndrome de Augusto. Non os mencionarei para facer o contrario ca outros.
O problema de referenciarse permanentemente no BNG é que se chega a pensar que os que ollamos criticamente para tal cousa, cabreados con tanta enerxía desperdiciada, só nos referenciamos noutro partido (o PSOE). Perversión intelectual que require unha terapia urxente para liberar o pensamento e deixar correr as ideas.
Largo é o mundo… aínda que a algúns lles pareza incríble.
Debo recoñecelo: a forza de sortear trapeladas, un pode acabar vendo PSOE por todas partes. Vaia, polo tanto, a correspondente desculpa ao posible aludido de forma inxusta ou cando menos equivocada.
Polo demais, do teor literal da mensaxe non retiro nin sequera unha coma.