A resposta dos libreiros vigueses
Txetxu dá conta das diversas formas de celebrar o Día do Libro. Mentres, en Vigo, como xa anunciamos, o goberno local impide que os libreiros saian á rúa do Príncipe.
Os nosos militantes fantasía víronse obrigados a enviar aos medios (como noutrora) este comunicado de protesta:
Ante a negativa por parte do Concello de Vigo de autorizar a instalación dunha carpa na Rúa do Príncipe co gallo do Día Mundial do Libro, a Federación de Libreiros de Galicia quere manifestar:
- Coa declaración do 23 de abril como Día Mundial do Libro, a UNESCO pretende o fomento da lectura e a industria editorial. Na declaración deste ano do Director Xeral da UNESCO dise textualmente que “esta conmemoración pública constitúe unha nova ocasión para que os responsabeis políticos, os axentes económicos e os membros da sociedade civil honren de moitas maneiras este instrumento sui generis de expresión, educación e comunicación que é o libro”.
- Era intención da Agrupación de Libreiros de Vigo sumarse á celebración deste Día sacando á rúa, como se fai en todo o mundo, os fondos bibliográficos das librarías.
- Para elo solicitou no Concello autorización para instalar unha carpa na Rúa do Príncipe, denegada, “toda vez que na referida rúa non se autorizan tales actos-exposicións”
- Toda a organización do evento, instalación da carpa, seguridade e actividades que terían lugar serían asumidas polos libreiros xa que o Concello no aportaba nada, tanto económica como materialmente.
- A intención do departamento de seguridade de buscar outros puntos alternativos para a instalación da carpa é inasumible polos libreiros precisamente porque é nesa rúa onde un maior número de persoas poderían acudir á celebración, e a festa do libro tería unha enorme repercusión mediática.A actitude da actual corporación municipal debe enmarcarse dentro do nulo interese que ten manifestado polo mundo do libro, sendo un feito insólito no conxunto das administracións locais do país., e non estando á altura da importancia que o sector editorial ten nesa cidade. En Vigo creáronse e teñen a súa sede as máis importantes editoriais de Galicia e, en Vigo tamén, abren as súas portas á cidadanía recoñecidas librarías, algunhas situadas entre as máis importantes do estado español. Frente a este alentador panorama editorial temos un Concello inoperante á hora de pilotar calqueira iniciativa en torno ao libro, chegando incluso a boicotear como neste caso a iniciativa particular do sector. Os libreiros de Vigo observan con envexa como noutras cidades e vilas do país son as propias administracións locais as que patrocinan e impulsan esta celebración. Vexamos só algúns exemplos. A Coruña: os libreiros saen á rúa os días 21, 22 e 23. Instálanse 15 casetas nos Xardíns de Méndez Núñez. O Concello aporta 3000.00 euros e o día 23 hai presenza institucional de membros da corporación. Santiago de Compostela: os libreiros instálanse na Praza do Toural os días 21 e 23. O Concello aporta unha actividade musical. Lugo: os libreiros colocan os seus postos de venda no mesmo centro de Lugo, na Praza Maior o día 21. Pontevedra: saída de casetas á Praza da Ferrería-Paseo de Odriozola o día 23. Ourense: os libreiros instalan mesas e carpa subvencionada polo Concello na Rúa do Paseo. Actuación dunha Banda de Música e visita institucional do Alcalde e membros da Corporación Municipal. Estas actividades veñen realizándose coa total colaboración dos Concellos dende hai moitos anos, tanto polo apoio ao libro e a lectura como para colaborar coa institución libreira, de fonda tradición na sociedade galega.
- As librarías de Vigo animan ao pobo desa cidade a acudir en tan sinalada ocasión aos seus establecementos. As librarías de Vigo seguirán sendo espazos de cultura, coñecemento e liberdade.
Non saio do meu abraio ante a noticia. Fahrenheit 451 en versión Chaves-Corina? Noticias así son das que merecen unha mobilización contundente.
Mañá no artigo do Faro publicarei un artigo sobre a cuestión. O erro de Corina é clamoroso, o silencio da oposición alucinante. Que veña Montag!