A poesía e o PXOM
Miguel Barros publica hoxe este artigo sobre o polémico PXOU vigués. É inexplicable como a este político socialista, culto e coraxudo, foi o seu propio partido quen lle puxo a proa para impedir que asumise maiores responsabilidades. Moitas decepcións teríanse aforrado na abella de ribeira, se el tivese sido o alcalde nesta desastrosa corporación.
Porén, no referente á cuestión da aprobación definitiva do PXOU, comprobo que para Barros o debate, tal como razoa no seu xeitoso artigo, se libra en base ao enfrontamento entre criterios poéticos e de sensibilidades, cunha clara deriva plástica, concretada no xogo entre as liñas vertical e horizontal, que representarían os dous modelos de urbanismo confrontados na Xerencia de Urbanismo ao longo desta lexislatura.
En fin, o eufemismo levado até ao paroxismo. Co doado que sería explicar aos cidadáns que na cuestión do PXOU, tal como evoluíron as cousas en Vigo (con dous cambios ao fronte da corporación, con recursos nos xulgados…), a posición responsable do conxunto das forzas políticas é acadar un consenso arredor da posición “Si ou Si”, xa que de non aprobarse de contado o concello podería ir á bancarrota coas indemnizacións ocasionadas polos derrubes aos que obrigan as sentencias do Supremo e por outras moitas razóns de peso que… Expresalo así non sería ningunha esaxeración xa que creo que dunha ou doutra maneira todos os grupos municipais (a verdade é que uns máis ca outros) contribuíron a levar o debate urbanístico vigués ate o punto cero, o da imposibilidade do debate. Ou noutras palabras: todos (mesmo os que din que van votar en contra) saben que aprobar este plan canto antes (xa ninguén fala do modelo de cidade, nin de que non se respondesen aos alegantes, nin sequera de volumes de edificabilidade e de trapalladas polo estilo) é a condición imprescindible para pechar esta etapa funesta da política viguesa. Lamento non coincidir nesta ocasión con meu benquerido Miguel Barros, este PXOU en todas as súas fases tivo máis que ver coa fría economía que coa doce poesía que hoxe emprega para convencernos no seu artigo de que a el lle gustaría votar que si, mais que aínda que vaia votar que non para non defraudar o compromiso adquirido co grupo municipal, que xa non controla o partido… Mi madriña, isto é para tolear.
Vostede pensa que a xente se chupa o dedo.
Noooon, non suprimíu os comentarios sobre Teresa Moure, qué va, vostede é un amante da libre expresión.
O que fixo foi poñer cunha gran celeridade unha manchea de novas entradas para ocupar o espazo e así xustificar que pase a arquivo, onde ninguén xa o ve, o da Moure.
Ai, ai, ai, que pillo é, Brétemas.
Vaia impertinencia. Alguén se lle ocorre opinar sobre o arranxo da casa allea? Teño que pedir permiso ao usuario anónimo para eu postear tanto e cando a el lle preste? Isto é un delirio.
Pra pertencer a un partido hai que ser leal con el, e non estar financiado por outro.