A derradeira oportunidade para o Celta
Estaba cantado. A pésima tempada a nivel deportivo e os múltiples erros de xestión da era Horacio obrigaron ao consello de administración do Celta a solicitar voluntariamente no xulgado mercantil a concursal (o que antes chamaban quebra ou suspensión de pagamentos). Non existía marxe ningunha, xa que a outra posibilidade que tiña Mouriño sería promover a disolución do club. A pesar de que o caso do Celta non é único (o Deportivo debe 150 millóns), a situación celeste, agotadas as posibilidades de ascenso e os ingresos televisivos que supoñerían, é desesperada. A pesar de que todo o mundo do futbol profesional español está arruinado (o que demostra o fracaso da aplicación e posta en práctica da Lei de Sociedades Anónimas Deportivas), son os clubes de segunda aos que lles está tocando apandar co inicio dunha nova reconversión, quizais máis dolorosa que a realizada nos anos noventa.
A Concursal do Celta, inserida nun plan de viabilidade (no que se pretende renegociar a débeda con Facenda, Caixanova e asegurar unha cesión do estadio por parte do concello e durante vinte anos) pretende reducir a enorme débeda da entidade (84 millóns de euros, recoñecidos a finais de 2007, ás que habería que engadir as perdas do primeiro semestre deste ano como consecuencia do fracaso de non acadar o ascenso) en cinco anos e endereitar un barco que vimos á deriva ao longo das dúas últimas tempadas.
É innegable que esta nova situación xurídica supoñerá para o Celta importantes dificultades e propón múltiples dúbidas, na medida que o club terá un estreitísimo marxe de manobra para xestionar a súa (ata agora, nefasta) política deportiva, xa que será controlado por unha instancia xudicial. Isto suporá que o club será xestionado cunha economía meduliana: rebaixaranse as posibilidades de novas fichaxes e ás contías dos salarios de técnicos, directivos e, sobre todo, xogadores. O primeiro efecto da Concursal será, inevitablemente, o dunha importante limpeza no cadro de futbolistas. E iso pode ser moi positivo –como demostra a situación do Sporting de Xixón e do Málaga, que nesta mesma situación pelexarán esta fin de semana polo ascenso–, se axuda a que directivos e seareiros baixemos da nube fachendosa na que estivemos instalados por riba das nosas posibilidades (durante unha década) e recuperemos a identidade de equipo humilde que representa aos laboriosos galegos. Por moito que doa, non podemos seguir vivindo eternamente do soño daquel marabilloso xogo da serpe do Eurcocelta, alicerzado nos mellores tempos de Mostovoi, Karpin e Víctor Fernández. Agora toca volver atravesar, durante algunhas tempadas (cantas?), o deserto da Segunda; o que pode constituír unha magnífica oportunidade para refacer un proxecto futbolístico galego (onde dificilmente lle vexo cabida ao actual director deportivo), baseado nunha combinación axeitada de canteiráns (dende Borja, Roberto Lago, Michu a Iago Aspas) e mozos e veteráns repatriados (dende a fichaxe de Trashorras á cesión de Jonathan Pereira). Toca volver a aquel Celta humilde da nosa nenez (o de Ibarreche, Herminio, Las Heras…). Esta pode ser a derradeira oportunidade para evitar destrozar a memoria de oito décadas de fútbol atlántico.
Actualización (11-06-2008): Claves para entender a aplicación da lei concursal (Faro de Vigo).
Totalmente de acordo, esta é a oportunidade de recuperar o clube, eu nin vexo a Ramón Martínez nin sequera a Mouriño no futuro do equipo, ainda que penso que Mou ten pouca culpa de todo o que está acontecendo.
Eu síntome como se me tivesen roubado o meu Celta, non me sinto identificado nin cos xogadores nin cos adestradores que pasaron dende que chegou este presidente. O meu Celta é o que lembro de cando era pequeno, o de Vicente, Atilano, Mandiá, Alvelo, Maté, Otero… en primeira ou en segunda, tanto daba, pero sempre o Celta.
Xa vai sendo hora de reconvertir o Celta nun clube galego, e que o que veña de fora sexa para mellorar, non para engordar as comisións de nonseiquén, e que se confíe na xente da casa, non só a nivel de xogadores, tamén de adestradores.