U-lo consenso? Galego 2025
Despois de dúas semanas da presentación do borrador do decreto, tras os posicionamentos dos sectores profesionais e sindicais, xa non cabe dúbida do estrepitoso fracaso da proposta de Feijóo, Vázquez e Lorenzo. A sobreactuación grotesca dos membros de Galicia Bilingüe (queixándose coa boa pequena da «traizón de Feijoo» aos seus electores) e a argumentación propia dun manual de campaña electoral dos intelectuais gubernamentais non abondan para xustificar racionalmente os tres piares do decreto: o plurilingüismo para vender con aires de modernidade o retroceso que se impón ao galego; o equilibrio horario dos tres terzos que, inevitablemente, achantará o galego no currículum e impedirá a consecución da dobre competencia ao remate de cada unha das etapas educativas obrigatorias; a participación das familias e do propio alumnado na elección da lingua vehicular dentro das aulas que despraza a responsabilidade das autoridades educativas sobre os centros e deixa no maior desamparo ao profesorado.
Outrosí sucede coas chamadas retóricas ao consenso, realizadas inicialmente por Anxo Lorenzo, que xa dende o primeiro día perderon toda a credibilidade ao excluír explicitamente a todos aqueles sectores que defendemos a legalidade actualmente vixente, considerados polos promotores do decreto e polos intelectuais gubernamentais como «extremistas». As argumentacións de Roberto Blanco Valdés e Xosé Carlos Caneiro (o escritor de Verín corre en termos políticos a velocidade pasmosa cara á dereita extrema) o pasado luns no programa de debate da TVG resultaron moi clarificadoras desta posición demagóxica que pretende ubicar aos defensores do retroceso do galego nunha posición equidistante (temperada, sensata, centrista, esa da «maioría silenciosa» da que falaba Arias Navarro e á que agora apela Lorenzo) entre os dous extremismos, o dos defensores de todo en castelán e de todo en galego. O plurilingüismo, esa nova relixión que acaba de raíz coas políticas de normalización lingüística da Autonomía, asociadas polos promotores do decreto coa «imposición del gallego» (esa mentira de destrución masiva pola que algún día renderán contas), preséntase como o único espazo posible de consenso de todos os sectores non extremistas. Con eses vimbios quere construír «un novo consenso lingüístico» o PPdeG? É crible que se poida chegar a un acordo sobre o futuro do galego que exclúa de forma explícita a todos os galeguistas?
Só será posible intentar refacer un consenso de todos os sectores e partidos (o único ao que se pode denominar como tal) se o Goberno retira o documento. Estou seguro que ese xesto de sensatez e galeguidade abondaría, para abrir decontado dende o Parlamento Galego, co acordo unánime dos tres grupos parlamentarios, unha mesa técnica que permitise recuperar os traballos de desenvolvemento no seu conxunto do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004. A creación dun espazo común de expertos, en sede parlamentaria, facilitaría aos nosos deputados construír ao longo desta lexislatura as bases sólidas para deseñar unha política de promoción do galego na perspectiva xeracional de máis dunha década (un proxecto que podería denominarse «Galego 2025»).
Velaí o dilema de Feijoo: tirar para diante en solitario co decreto de retroceso do galego ou compartir coas forzas políticas e sociais o esforzo de deseñar unha política de fomento do galego a longo prazo.
Non está claro a qué se refire Anxo Lorenzo cando fala de “extremistas”. Vde analiza moi ben a quen inclúe no “extremo” dos que defendemos o galego, pero, e no outro?. Non pode referirse a Galicia bilingüe e os seus apoios, habida conta que, nese grupo, están destacados dirixentes do PP (algún no propio governo). Todos vimos como se manifestaron en Compostela, en primeira liña, con Gloria Lago & cia. Pero, máis extremistas que Galicia Bilingüe, eu non vexo ninguén.
Non será que Anxo Lorenzo aínda mantén a ilusión de estar situado por riba do ben e do mal e non profundamente comprometido cos furibundos agresores contra o idioma que di defender?
Graciñas Manolo, por abrires unha fendiña de optimismo entre tanta xistra, tanto cairo, tantos malos ventos que están a zoar para a nosa lingua. Ogallá Galego 2025 choute do mundo virtual ao real…
Extraordinario, Manolo. Se fora así, se o Presidente desta nación tivese certo sentido da súa responsabilidade institucional, probablemente actuaría como ti propós. É a única saída que lles queda. Pero, temos a impresión de que non vai ser así. Talvez porque o seu proxecto é máis extremista do que din? Talvez.
Eu non lembro moi ben xa a Arias Navarro. Pero iso da maioría silenciosa é algo que me vén escaravellando o cerebro nos últimos días. Como pode ninguén saber o que desexa a maioría silenciosa se é, como a súa propia denominación indica, silenciosa e non di o que desexa? Teño a sensación de que entramos en terreo paranormal.
Saúde e parabéns
Parabérns pola anotación, e por poñer a cada un no seu sitio -Caneiro- pero o dilema do que falas non é tal: para desgraza do galego Feijoo vai tirar cara a adiante cal “llanero solitario”, se me trabuco convido feliz a unha paparota…
O que defendemos os supostos “extremistas” son os consensos vixentes ata a chegada deste goberno ao poder: a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización, textos aprobados no Parlamento por unanimidade. O señor Feijoo promoveu (era vicepresidente do Goberno Fraga) e aprobou o Plan Xeral de Normalización no ano 2004. Era daquela un extremista? Érao Fraga? As mentiras, ás veces, son demasiado grosas, por moito que se esforcen os “intelectuais gubernamentais”!
Excelente Sr. Bragado. Mais, e esta deriva, ou “derrota” de Caneiro? Qué é? Para poder escribir na Voz, facendolle compaña a Ventoso, Casal, Blanco Valdés e demais? Vaise incorporar ao grupo dos afrikaaners?Saudiña e noraboa, Sr. Bragado.
Magnífica proposta.
Unha luz!
Grazas.
Isto ben merece un grupo no Facebook. Co seu permiso abro o grupo Galego 2025 para facer máis visible este post e a idea que defende.
Saúdos.
Lamento ter que admitir que este pirata non vai virar a popa ante ningunha circunstancia. El pensaba largarse para Madrid, e non está pola labor de que o corran os de provincias. E menos onde se supón que ten patente de corso.
Querido Manolo: esta é a segunda vez que che escribo; a primeira ofreceume un erro informático, delataba a pantalla, porque non anotara o meu correo electrónico. Non deixa de parecerme curiosa a controversia: o erro informático e as túas consideracións. Pero como xulgo fundamental responder á túa reflexión, póñome de novo co asunto da resposta intentando obviar o “genus irritabile vatum”, que sinalou Horacio. Dicíache na misiva que percibo con abraio a cualificación que profesas sobre o meu tránsito cara á “extrema dereita”, nada menos. Non é propia da consideración en que teño o teu intelecto. Resulta que opinar libremente, como fixen durante toda a miña vida, incluso en tempos máis escuros que este que moramos, obtén pola túa parte unha excluínte categorización política. Posicioneime estes días a favor das BASES do decreto porque os seus obxectivos parécenme loables. Calquera familia a quen lle “aseguren” que os seus fillos van saír da escola sendo competentes en tres linguas fundamentais, ha de darse por satisfeita (as miñas nenas son educadas na casa só, única e exclusivamente, en galego; que a escola me asegure que aprenden inglés e castelán, agrádame). Velaquí a parte positiva; a negativa comprende asuntos que eu aprezo negociables, consensuables, dialogables (a RAG insiste hoxe nestes sintagmas). Precísanse investimentos sen precedentes na historia da formación do profesorado, en particular, e da educación en xeral; será aquí onde vexamos a verdadeira vontade do Goberno: liberar profesorado para formarse, por exemplo. Eu apostaría, tamén, por unha implantación gradual do inglés, algo que o decreto non desbota porque como ben sabes o terzo anglófono é un desideratum que se levará a cabo en moitos anos (non menos de dez, penso eu). En canto á participación das familias, eu tamén lle vexo problemas de índole técnica que van incidir no funcionamento dos centros. Problemas solventables. Aquí non se trata de que as familias diten os currículos, senón que expresen os seus desexos lingüísticos. Isto, por suposto, responde á promesa electoral do PP. Non vexo maior problema en que as familias escollan a lingua vehicular na infantil, non muda demasiado a solución do decreto actualmente en vigor e, ademais, a outra lingua terá cabida perfectamente tamén nestes primeiros tramos educativos. Creo que todos deben sentar a negociar, consensuar, dialogar. Todos. Sen pensar en rendibilidades políticas, nin uns nin os outros. A palabra equilibrio repítese constantemente no decreto; eu non o vexo mal, ¿ti si? Paréceme un exceso a folga convocada, dixen nun artigo polémico. Ratifícome e remítote ao mesmo para que vexas que hai outros problemas que mereceron o silencio. Ademais, coincidirás comigo, un país educado e culto non esquece os seus primeiros valores e sinais identitarios, e a lingua é o máis importante. Traballemos, pois, para que o ensino non teña un 40% de repetidores en secundaria, para que se lea máis e mellor, para que a formación do docente sexa ampla e de calidade, para prestixiar a figura do educador…. para tantas e tantas cousas que quedan por facer e a min me parecen principais. Os pobos cultos, reitero, conservan o seu. Os pobos que “producen” xuventudes criadas no “Gran Hermano” e na literatura que exuda, na banalidade e vulgaridade crecente, esquécense de si mesmos. Cando alguén me plantexe manifestarme para que se invista máis en educación, para alcanzar a sermos un país instruído e ilustrado, alí estarei. Como estarei para reclamar do Goberno galego os investimentos necesarios para que o equilibrio de linguas sexa posible. Como ves, o diálogo é consubstancial á democracia. E a democracia entende que por pensar libremente un non debe ser ubicado na dereita extrema, que non respecta nin escoita aos outros. No diálogo has de encontrarme, sempre. Na descalificación vacua, nunca, porque a miña estima por ti vén de longo, ¿recordas? Lamento a cualificación non polo que significa de min (eu sei quen son e o que quero para o meu país) senón polo posicionamento sectario e intolerante que denota en ti. Sinto a apreciación e sinto, tamén, a miña soidade. Pero a liberdade de conciencia sempre me importou máis que a corrección das maiorías (sexan nacionalistas, como neste caso; ou españolistas, como en tantos outros). Arriba quedan explicitadas as miñas glosas sobre as bases do decreto, en modo breve, “sed hae sunt nugae”. Espero que esta vez a internet permítame a correspondencia. Envíoche o meu afecto e o gozo de comunicarme contigo. Coa dor, quédome. Non acostumo compartila cos amigos.
Estimado Xose Carlos: agradezo moito o teu comentario, é máis ponderado que a intervención que realizache na TVG e que deu pé á anotación. Sen entrarmos a debater o contido das “Bases”, nas que sen dúbida discrepamos sobre o seu enfoque político, a miña anotación facía referencia aos criterios empregados por ti e Blanco Valdés para determinar a equidistancia e extremismo, no que tanto se insistiu no debate televisivo. Non pretendía en caso ningún identificar “dereita extrema” con “extrema dereita”, que ben sei son posicións ben diferentes. Por suposto que eu tamén rexeito a descualificación vacua e apoiarei a liberdade de conciencia con todas as miñas ansias. Afortunadamente e a pesar de que hoxe discrepemos nesta cuestión, son moitos os lazos, os soños e os afectos que nos unen. Unha apreta de Manolo.
D. Manuel, gustame o tono de Caneiro, e como non, o seu. Asi falanse as cousas, asi faise un Pais
Por iso sigo este blog con asuidade.