Onte 1873: “Un home estraño” de Antonio Tizón, Premio Cidade Centenaria

Prmeio_Ribeira_23-05-2017

Asistimos onte a entrega do Premio de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira outorgado nesta sexta edición a Antonio Tizón por Un home estraño. Un momento importante para o certame ribeirense de noveliña, plenamente consolidado despois dunha década, e para o escritor coruñés que se dera a coñecer hai apenas dous anos con A antesala luminosa. Nesta segunda obra, Tizón volve arriscar co seu xeito de entender a novela policial, que el denomina mulata, na que mestura as convencións do xénero negro coa novela de indagación social. Localizada na cidade da Coruña en 1980, cando gobernaba o concello Domingos Merino,o inspector Xosé Sánchez Pereiro, que xa aparecía na primeira entrega de Tizón, e a xornalista Ledicia Muruzábal, relatan de forma alternativa a investigación na que participan coa intención de desvelar o crime de Manuel Ferro Filgueira, arquitecto do concello.

Antonio Tizón, na súa intervención de aceptación do premio, confesou que esta fora a primeira obra que escribira na súa vida, remontándose a primeira versión a 1977. “Levo corenta anos reescribíndoa. Naceu da visión dun home estraño que atopei entón nos xardíns dos Cantóns. A novela evolucionou nas diversas versións até mudar de xénero, pasando da novela rosa á social, para acabar no xénero negro tal como o eu o entendo”. “Con todo o único que se mantivo intacto en todas as versións foron apenas quince liñas, que na última versión pertencen ao capítulo IV, onde se describe o home estraño: “en pleno verán, ía cun chaquetón de inverno, un pantalón de pana descolorida, unhas botas de pel gastada e unha guitarra enfundada ao ombro”, “con todo, o que máis salientaba daquela estraña figura era o seu rostro, un rostro aínda novo que sorría entre unha barba poboada de seriedade”, “ao ver a súa boca riseira, parecía que se mofaba un pouco de todo”, (…) “o brillo que desprendían os seus ollos grandes iluminaba o rostro dunha paz profunda”. “Un home estraño que acabará por obsesionar á xornalista Ledicia Muruzábal, que non parará ate descubrir todos os segredos da súa identidade. Porque á xornalista parécelle máis incomprensible a visión daquel rostro contraditorio que toda a panorámica da Galicia preautonómica de comezos dos oitenta, o marco histórico no que se desenvolve a novela, que pretende contribuír ao coñecemento dunha época, unha sociedade aínda lúgubre e corrupta, onde campaba aínda a impunidade, pero tamén inxenua e ilusionada”.

Rematou a súa intervención Tizón dedicándolle o libro a Ledicia Costas, “unha autora que tivo a valentía de escribir Un animal chamado Néboa“, a José Luis Muruzabal, “que fixo un labor encomiable na Asociaicón Enfermos con doeza mental da Coruña” e a José Barallobre, “que me contou todo sobre a policía”. Tamén agradeceu o apoio de Mari Quinteiro, “portadista e lectora de todos os meus libros”, e a Alba Tizón Quinteiro, “que correxiu o texto”.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *