O libro dixital en Galicia
Mañá intervirei no VI Simposio «O libro e a lectura» dedicado ao presente e futuro do libro dixital. Os organizadores pedíronme unha achega sobre «O libro dixital en Galicia». Na miña intervención (o texto completo pódese baixar aquí en pdf, nove folios) pretendo tratar catro grandes cuestións que no meu entender permitirán achegarnos á situación actual do libro dixital en Galicia e enxergar algunhas das liñas de futuro:
A primeira parte do concepto de literacidade electrónica coa intención de explicar a mudanza do actual paradigma da comunicación cultural e, polo tanto, da lectura (a que denomino lectura XXI ou 2.0), da edición, do libro e do papel que nos corresponde (se é que nos corresponde algún) aos editores. Temas que sei foron abordados onte por os ponentes que me precederon, mais que eu como un dos poucos editores en exercicio debo tamén de enunciar ao meu xeito.
A segunda pretende citar algúns dos precedentes do libro literario dixital en galego, que é tanto como dicir en Galicia, ao longo da última década, así como algunhas experiencias que se foron ensaiando na nosa edición dixital até chegar aos primeiros e-books literarios que editoras como Xerais presentan estes días. Noutras palabras faremos unha achega a unha historia (ou prehistoria) do libro dixital.
A terceira ten por obxecto analizar as tendencias que debuxan os datos dispoñibles ou que podemos estimar sobre a edición dixital en Galicia, comparándoas coas que coñecemos para a edición analóxica.
A cuarta pretende repasar a nosa situación no que atinxe aos tipos de edición dixital que estamos abordando xa na actualidade os editores galegos: a dos obxectos dixitais educativos; a dos e-books ou libros electrónicos; a dos produtos lexicográficos e outros contidos «on line»; a das experiencias dixitais multimedia; a dos audiolibros e a da impresión dixital baixo demanda ou de baixas tiradas.
Xa adianto que en moitos casos expresarei máis preguntas e dúbidas que afirmacións e certezas. Vivir esta mudanza no paradigma do libro dende dentro, constitúe para todos os editores, tamén para os editores galegos, unha moi boa oportunidade para medrar como profesionais. Sen menoscabo da discreción precisa para o desenvolvemento de cada proxecto editorial, este é un momento no que é imprescindible que compartamos experiencias, ideas e, me atrevería a dicir, mesmo grandes proxectos de sector.
Foto: Anxo Iglesias, «Luces», El País Galicia.
unha pregunta ¿os e-books teñen función de vos?¿Pódense escoitar?.Un saudo.
Estimado Bretemas, o tema do e-book resúltame moi interesante. Eu mesmo estou desexando facerme con un tan pronto cheguen ao terreo do razoábel, mais polo momento vexo a situación destes con moi malos ollos, e penso que se non muda moito, o tema pode ficar estancado durante décadas. É que na lista actual de ventaxas e desventaxas do formato, o malo pesa moito máis que o bo. Vexamos:
O Positivo
-Gran capacidade de almacenamento (poder carrexar centos ou miles de libros enriba)
-Posíbel facilidade de acceder a libros esgotados, descatalogados, etc…
O Negativo
-Necesidade de mercar un e-reader (bastante caros. O Kindle anda por riba dos 200 dólares)
-Prezos absurdamente caros dos e-books (tendo en conta o formato dixital, inmaterializado, o e-book debe representar o escalón máis baixo do formato libro, por debaixo do paperback. O libro físico seguirá a ter ventaxas indibidábeis coas que o e-book non pode competir: é un artefacto, é prestábel, asinábel, doábel, nunca necesita recarga ou baterías…É absurdo ao meu ver que ningún e-book custe más de 4-5 euros, e creo que a inmensa maioría dos consumidores pasará totalmente do tema ata que isto mude -máis tendo en conta o alto prezo dos e-readers-.
-Duras restriccións: o formado dado polo DRM converte a posesión do e-book realmente en algo similar a un ‘alugueiro’, máis que unha posesión. O público, desacostumado a semellante eiva de dereitos, tería que verse compensado dalgunha maneira se isto se mantén (co que volveríamos ao punto dous: como pode cobrárseche o 70% do custe do libro físico por unha serie de bits atados a unha máquina, e cos perigos de que se estropee, a compañía que o vendeu dea en creba e peche o acceso, ou peche o acceso unilateralmente de todos xeitos por problemas de dereitos, como xa fixo Amazon algunha vez?)
A ver se me pode sacar de dúbidas. Visto o visto, penso que eu vou seguir apegado ao formato tradicional durante moito, moito tempo…