Onte 1655: “Historia das historias de Galicia” en Couceiro
Interesantísima resultou onte a presentación en Couceiro de Historia das historias de Galicia, o fascinante libro colectivo editado por Isidro Dubert. O editor e promotor da obra explicou que a súa orixe estivo nun curso de verán que organizara en 2014 coa intención de estudar a pervivencia na cultura galega dunha serie de historias míticas ou tópicas, moi a pesar de que nos últimos trinta anos asistimos a unha avance moi notable na investigación da historia de Galicia. “Esas historias aséntanse sobre uns relatos, cuxa orixe na maior parte identificamos no século XIX, que dan unha imaxe da historia de Galicia paralizante e negativa do noso pasado, que non se corresponde cos avances da investigación histórica que se puxeron a disposición da sociedade galega nas últimas tres décadas”. “Unhas historias que resumen a historia de Galicia como o paso do grande explendor medieval a unha grande decandencia da que imos saíndo devagariño dende o século XIX. Unha lectura do presente en clave de pasado, o que supón unha fosilización do presente, que impide unha nova factura do futuro. En definitiva, unha interpretación que expresa un fondo medo á modernidade e unha incapacidade para afrontar o futuro cunha certa orixinalidade”.
Na súa intervención, Manuel Gago, autor do capítulo titulado “Os celtas na Cabina do Doutor Who. a constante reinvención dunha realidade”, expresou a súa convicción de que en Galicia a historia sempre apaixona, “hai un público que demanda contidos históricos, porén, resulta incomprensible que non se pensase nun público xeral para a divulgación das investigacións históricas actuais. Unha cuestión que pode mudar no futuro xa que os profesionais da historia teñen hoxe en Galicia unha vocación máis clara de comunicar”. Para Gago “a xente disfruta coa dúbida, apaixónase co proceso de coñecemento, como demostra que os documentais da BBC están cheos de dúbidas, de visións confrontadas. A gran achega deste libro é que por vez primeira ofrécese unha visión confrontada da Historia de Galicia”. A seguir, Gago identificou o do celtismo como un paradigma deste tipo de debates, onde as visións enfrontadas xa non existen, xa que é un problema máis historiográfico ca histórico”.
Pola súa banda, Pegerto Saavedra, autor do traballo “Os feudais: entre os Irmandiños e as Comunidades de Castela”, salientou que “o libro revisa unha serie de tópicos de forma non dogmática e plural”. Ocupouse despois de comentar a súa achega arredor do reinado dos Reis Católicos, “un tema perigoso, difícil de abordar con ecuanimidade, xa que cómpre relativizalo e encadralo no que pasou x ano século XIV”. Saavedra expresou a súa admiración por escritores como Murguía e Otero Pedrayo, “a pesar de que algunhas das súas afirmacións históricas fosen erradas”, e expresou as súas dúbidas sobre o que se adoitar considerar como “importante papel da Igrexa”.
Por último, interviu Lourenzo Fernández Prieto, autor do traballo “O atraso: o éxito dun falso mito. Imaxes contra os tópicos do mundo rural e dos labregos”, que cualificou o libro como “necesario, oportuno, aberto e divertido”. “O libro foi concibido como un curso, o que supón que é un produto académico, universitario, pensado, editado, corrixido, ordenado, que reivindica a normalidade universal da academia. En definitiva este é un libro académico sen complexos, froito dun proceso de cambio, un tempo post-marxista, post-revolucionario, post-68 e post-transición”. “Un libro colectivo e institucional, concibido como tal na universidade, que fala do común e asume a construción do coñecemento por parte da comunidade científica fronte a unha época pasada na que había apenas tradución de autores que logo nos contaban”. A seguir, Fernández Prieto foi debullando as preguntas principais que aborda o libro: “Que obxecto é ese da Historia de Galicia?, Que obxecto ten no presente?, Como pensar criticamente o presente?, Que utilidade ten para algúns dominar o relato do pasado?”. Lourenzo insistiu en que “o relato do fracaso colectivo de Galicia non se corresponde co presente”, “a idea do atraso é un relato do pasado colectivo que hoxe resulta inútil, o atraso foi unha arma de débiles labregos que en realidade eran moi fortes”.
Na quenda de intervencións do público os autores responderon á cuestión de como afecta a súa reflexión ao proceso de construción de Galicia como nación. Para Isidro Dubert “no libro se abren portas a unha nova interpretación do presente; o combate de Galicia non está no pasado, está no presente e no futuro, onde non debería estar é neses cosntrutos que ofrecen unha imaxe antropolóxica de Galicia chea de ataduras”. Para Manuel Gago “cada ideoloxía precisa un relato histórico, sempre van existir relatos históricos populares xunto aos da investigación académica”, e rematou expresando a súa convicción de que a “existencia de diversas visións da historia é propia de países modernos”. Pola súa banda, Lourenzo Fernández Prieto respondeu que para el “canta máis cantidade e pluralidade exista na historia, mellor será para o nacionalismo galego”. Por último, dende o público interviu Henrique Monteagudo, autor do traballo titulado, “A invención dos Séculos Escuros”, para quen “estamos pasando dunha historia nacionalista a unha historia nacional”.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir