Onte 1555: «45 years»
Para o meu abraio, en 45 years Charlotte Rampling conserva aquela ollada triste de Il Portiere di notte que a converteu nun dos mitos eróticos da miña xeración. Nunha interpretación marabillosa, no film de Andrew Haig, Rampling cóntao todo cos seus ollares, que expresan as fases dun proceso de desencanto e destrozo interior dunha muller que tras catro décadas e media de «feliz matrimonio» comprende nunha semana que o amor foi derramado polo tempo e o peso das lembranzas. Baixo a aparencia da crónica dunha parella no abrente da vellez e a súa fraxilidade, que xa sofre o personaxe masculino, Haig narra con sutileza o esgazamento das súas identidades. A austeridade visual, a utilización da elipse, os diálogos esenciais, a atmosfera húmida e ventosa de Norfolk salientan a dúbida da protagonista: «pagou a pena compartir a vida enteira cunha persoa á que se descoñece?» A derradeira escena, bailando Smoke Gets in Your Eyes, expresa a ollada da desolación. Inesquecible tristeza de Charlotte.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir