Suso Couceiro, moi pesismista

Vaia entrevista máis pesimista saíulle a Suso Couceiro na súa conversa con Nacho Miras Fole! As palabras do veterano libreiro compostelán demostran que o libro non está quedando fóra da crise económica,  cuxos efectos comezan a sentirse seriamente no sector do libro. Porén, a este feito hai que engadirlle a crise de modelo da libraría independente e cultural en Galicia (un feito xeralizado nos países occidentais) que denuncia con tanta convicción Couceiro.Nin a crise financeira nin a crise do modelo da libraría de fondo poden ser consideradas responsabilidade exclusivas dos editores galegos. É unha esaxeración (que non quero nin debo entrar a valorar para evitar unha polémica innecesaria). No obstante, as afirmacións de Couceiro poñen en evidencia que coa maior urxencia cómpre  convocar a todos os membros do sector do libro galego (autores, editores, libreiros e distribuidores) para facer un chisco de autocrítica compartida. Só así, nun clima de confianza intersectorial, poderanse propoñer medidas para saír da crise económica e de lectores (e de lectura pública) que padecemos no mundo do libro galego. Unha iniciativa que poderían recoller a Federación de Libreiros de Galicia e a Asociación Galega de Editores. Pagaría a pena.
11 comentarios
  1. A.C
    A.C Dice:

    A depresion afectanos a todos de unha ou otra forma, non se salva nadie.So esperar k non sexa moi longa, e k os k keden/kedan sin traballo non o pasen moi mal

  2. Libreiro
    Libreiro Dice:

    Unha esaxeración? Couceiro é un libreiro especializado no libro galego. Dígame vostede as armas que ten (as poucas que tiña están vostedes a llas retirar).

    Sabe cantos libros en galego levo vendidos no que levamos de marzo? Sete. Sete!! Iso fan… ¿canto? ¿cincuenta euros? E iso que me preocupo por vendelos e mantelos no escaparate e na mesa de novidades.

    Sete! Para que veñan editores e escritores por aquí a pedírenme espazo, compromiso…
    Non é un problema de espazo. Están a afastar aos lectores de galego das librarías. Tampouco de compromiso. Non temos armas.

    Amais, como ben di Couceiro, a nós non nos baleiran os almacéns os da Xunta cando non nos saen as contas. Nin ven un construtor con iate a mercarmolo negocio.

  3. Un curioso
    Un curioso Dice:

    Estimado Libreiro: ¿pode vostede concretar máis o que di? Eu, polo menos, teño interese nestas cousas:
    – ¿Cales son esas poucas armas que lle están a retirar os editores? ¿que tácticas están utilizando para retirárllelas? ¿como se pode facer para que llelas devolvan?
    – Di que os editores están a afastar aos lectores galegos das librerías. ¡Que poder! ¿Que pretenderán con iso?
    – ¿Cales serán as causas de que os lectores non vaiamos agora polas librerías? Ese “agora”, ¿desde cando é? Eu sigo indo; iso si, ás que lle deixan algo de espazo aos libros galegos. A Couceiro, por exemplo.
    – ¿Sabe doutras razóns que non sexan achacables aos editores? A min ocórrenseme algunhas, pero non me quero adiantar.
    – E xa que non lles vai vir un construtor con iate, que non sei que ten que ver iso co libro galego (nin co libro en castelán: en xeral, len pouco), ¿por que non fala coa Citroën? (tampouco ten nada que ver co libro, pero como andan moi xenerosos ultimamente, por probar…).

  4. libreiro
    libreiro Dice:

    – ¿Cales son esas poucas armas que lle están a retirar os editores? ¿que tácticas están utilizando para retirárllelas? ¿como se pode facer para que llelas devolvan?

    A isto contesto por boca de Suso Couceiro na entrevista da Voz:
    “-…Hoxe non se le e non se compran libros. O libro galego destruíuse, fixeron pan para hoxe e fame para mañá. Non hai ningún produto no mercado que poida subsistir sen promoción, ningún. O Goberno gasta moitos cartos no que lle chaman promoción, pero eses cartos van destinados a subvencionar aos editores, e o libro non chega a onde ten que chegar. Regálanse moitísimos libros en galego, hai a idea de que non fai falta compralos”.

    – Di que os editores están a afastar aos lectores galegos das librerías. ¡Que poder! ¿Que pretenderán con iso?
    Non crerá que penso que o fan a propósito, amigo curioso? Supoño que a culpa é da materia prima, da que andamos xustos nestes últimos anos. Eu teño vendidos milleiros (así en plural) de libros de Xerais (por poñer como exemplo a editorial do anfitrión), pero non son quen de vender (vender de verdade), por non me saír do mesmo exemplo, as súas últimas achegas.
    Por outra banda, se os editores arranxan a conta de resultados coas vendas institucionais (remítome a resposta de Couceiro) problamente non vexan nisto un problema de primeira magnitude. Un editor no é un replicador dos textos que lle levan os autores. Hai unha tarefa de filtro, de suxestión de temas, de orientación, etc (á que logo os autores atenden ou non, iso é outra cousa). E iso non está.
    Hai libros en galego escritos por mestres que se publican porque os editores saben que os alumnos de determinados centros de ensino vanos mercar polo artigo treintaytrés. En fin, non me quero desviar das súas cuestións.

    – ¿Cales serán as causas de que os lectores non vaiamos agora polas librerías? Ese “agora”, ¿desde cando é? Eu sigo indo; iso si, ás que lle deixan algo de espazo aos libros galegos. A Couceiro, por exemplo.

    As causas non as sei. Supoño que terá relación coa oferta e a demanda. Conste que non me queixo de que a miña libraría perda clientes, eh? Que tamén, pero iso é outra historia. Teño moitos habituais de libros en galego que antes que nada son lectores. Se non atopan nada de interese entre as mesas de galego non marchan coas mans baleiras. Van buscar lectura ao castelán.
    Se a soubese a causa, amigo curioso… Non sei o motivo, só falo das consecuencias. Créame cando lle digo que as cousas non as estamos facendo ben.
    Sabe cantos libros de máis de 100 euros (os taschen e demais) venderon as pequenas librarías de toda España)? Ningún. Na CEGAL pode comprobalo. Supoño que non hai mercado para eles nestes tempos.
    Sabe cantos libros en galego levo vendidos en marzo? Oito. Esta mañá vendín un. No que vai de ano (dende Reis, falo) non chegan a trinta. Igual o mercado tamén esmorece.

    – ¿Sabe doutras razóns que non sexan achacables aos editores? A min ocórrenseme algunhas, pero non me quero adiantar.
    Si, claro que sei. Non son parvo.
    E tamén algunha solución: podería eliminar os títulos en castelán da libraría, vender só libro en galego e xa viña vostede a pagarme o aluguer e a luz. De verdade, non se venden nadiña.
    No meu local o libro galego está no escaparate, na entrada, cerca da caixa… A xente os mira, os abre e marcha a outros andeis. Falo con mágoa. Non mo tome coma un ataque a ninguén. Eu resisto, pero o meu negocio cambia.

    – E xa que non lles vai vir un construtor con iate, que non sei que ten que ver iso co libro galego (nin co libro en castelán: en xeral, len pouco), ¿por que non fala coa Citroën? (tampouco ten nada que ver co libro, pero como andan moi xenerosos ultimamente, por probar…).

    O construtor con iate mercou unha editorial galega en bancarrota. Infórmese, amigo curioso. A Citroen dáme un pouco de noxo dende o domingo pasado, non pense. Igual recorro a Coren. Xa verei. Déixoo que teño xente.

  5. Un curioso
    Un curioso Dice:

    ¡Non hai como preguntar, Libreiro! Tras ler a detallada resposta que me dá, entendo a súa postura bastante mellor. E máis despois de saber que é un deses escasos libreiros que colocan os libros galegos en lugar visible. Mesmo confesa deixarlles un cacho de escaparate: ¡parabéns! Case lle diría que co único que sigo sen concordar é coa resposta entrecomillada de Suso Couceiro, que non responde ás miñas primeiras preguntas e que me sigue a parecer equivocada.
    Agora síntome en débeda, creo que lle debo dicir como vexo eu as cousas. De xeito resumido, iso si, pois tampouco non quería abusar da amabilidade do anfitrión. Velaquí:
    – Igual que eu non debo dicir “os libreiros” porque sería inxusto (estaría meténdoo a vostede xunto con todos eses colegas seus que agochan os libros galegos nos estantes menos visibles), creo que tampouco é xusto dicir “os editores” e metelos todos no mesmo saco. Eu, como lector, distingo ben. Dalgunhas editoriais nin me molesto en mirar os libros, nin en galego nin en castelán. Así que, se cadra, era bo abandonar xeneralizacións inxustas.
    – Tamén me parece un erro contrapoñer o libro en galego ao libro en castelán. As dimensións, o peso económico e a capacidade de penetración son tan dispares que calquera intento de comparalos é demagóxica. A cada realidade hai que xulgala polo seu.
    – E tampouco podo igualar lectura en galego con lectura en castelán, porque socialmente son realidades moi diferentes. O pasado de marxinación da lingua e da cultura galega pesa moito. E agora que comezamos a levantar cabeza, xa ve os ataques que están a caer. Pero de como estas cousas afectan ao libro seguro que sabe máis ca min.
    – Non concordo co da “falta de materia prima”. Xa non son novo. Lía o que se publicaba hai vinte anos e leo o que podo do que se publica agora. Creo que o nivel mellorou moitísimo. Por crer, creo que se algún dos libros publicados nestes meses fose norteamericano, estaríase a falar del ata en Finlandia. Iso si, malia o que diga Couceiro, todo queda tapado pola promoción dos produtos das grandes editoras españolas.
    – Os problemas do libro (en xeral) e os do libro galego parécenme máis complexos. Vostede di que sabe de moitas razóns, se cadra habíamos coincidir en case todas. Non estaría mal que seguisen o consello do señor Brétemas e que se xuntasen editores e libreiros. Para unir esforzos.
    – E si, sabía o do construtor e o da editora (o de en bancarrota, nin idea). Mais non vexo iso relevante para o que estamos a falar.
    – Desexo que lle vaia ben coa librería. Non me abandone tampouco os libros en castelán, porque non me comprometo a pagarlle o aluguer nin a luz. Pero siga deixándolles aos libros galegos un oco no escaparate, paréceme de xustixa.
    E agora paro, a ver se remato o “Libro das viaxes imaxinarias”, que está a gustarme moito. Agárdame na mesa de noite “O xardín das pedras flotantes”, unha amiga díxome que era dos que te atrapan e non te soltan. Xa lle contarei.

  6. Un curios máis curioso aínda...
    Un curios máis curioso aínda... Dice:

    En lugar de preguntar ao libreiro, vou facerlles as preguntas ao editor…

    En primeiro lugar, atopo que a industria do libro galego está fomentar a cantidade de libros, en lugar da calidade no libro. Ver como os libros máis vendidos na lingua galega son Os Bolechas… coido que non é moi bo. Debería purgarse máis o que se publica? Habería que mirar con lupa o que se vai editar?

    Por outra banda, nunha terra onde o índice de lectura na súa lingua é tan baixo… Precisamos tanta editora? É aquí onde radica o erro da subvención do libro?

    En terceiro lugar, e a partires da anterior…: Se se retirara a subvención, sería bo para a cultura? É dicir: se a industria editora tivese que competir ca editora castelá en canto a calidade: melloraría a oferta? e xa postos… Seguiría Anaya interesada en ter a Xerais sen ter os ingresos xa fixos?

    Para finalizar… lin máis arriba isto: “se os editores arranxan a conta de resultados coas vendas institucionais”, se eu collo o dicinario vexo que:
    Libraría: Tenda onde se venden libros
    e que
    Editorial: Empresa que se dedica a editar obras

    A raiz do lido arriba ou ven cada un colle o seu papel que lles corresponde ou a R.A.G. debería trocar as súas deficións…
    A pregunta é: con respecto ao libro galego as librarías pasarán a ser museos do libro galego?

    Saúdos.

  7. bretemas
    bretemas Dice:

    Algunhas respostas breves de editor:
    Primeira: efectivamente, a maior parte dos editores galegos buscamos a excelencia dos nosos libros. A calidade é un dos sinais dos libros galegos. Series como a dos Bolechas, citado por “Un curioso”, ademais do seu papel decisivo na animación lectora, constituén bos exemplos de libros ben editados. Porén, non debemos esquecer que, tanto en Galicia como noutros mercados editoriais, non todos os libros son “libros literarios”, algúns son apenas “produtos de lectura”. esta diferenciación é ben relevante para valorar o que nos atinxe.
    E segunda: o libro galego non é un produto subvencionado. Mágoa os lugares comúns, en galego só esta subvencionada a edición de materiais escolares e de traducións. O que si existe, como noutras comunidades e países, é a compra dunha parte da produción (do 10% ao 20% da tirada, segundo os xéneros) para a dotación bibliotecaria. Ningún editora pode traballar agardando a súa viabilidade con esta compra. Os libros galegos deféndense no mercado (coas enormes dificultades que describen, mellor ca ninguén, os libreiros).
    Teño unha profunda convicción, a crise actual do libro galego está enmarcada na crise financieira internacional, na crise mundial do libro literario impreso e na crise de uso do galego como lingua vehicular. Ese é o temporal no que debemos atopar unha deriva editores, autores e libreiros. Doado non está.

  8. Un curios máis curioso aínda...
    Un curios máis curioso aínda... Dice:

    O certo é que moitas das librarias de pequenas vilas, que estaban situadas ao lado de escolas, institutos, etc… están a pechar as súas portas.

    A verdade é que se esos centros recomendan lecturas… como é que pechan as librarías?

    Esa era a miña pregunta antes, agora lendo a entrevista do Sr. Couceiro aclárase moito a miña pequena cabeza…

    Outra cuestión que quero facer é a raiz da resposta de bretemas “… a compra dunha parte da produción (do 10% ao 20% da tirada, segundo os xéneros) para a dotación bibliotecaria…”

    Se se merca esa porcentaxe á rede de tendas culturais… non será igual de bó para todos???

  9. Bretemas
    Bretemas Dice:

    Ao amigo curioso (entendo que informado libreiro tamén): como editor me gustaría que fosen os bibliotecarios os que adquirisen os fondos do libro galego e que o fixesen nas librarías culturais. Para min este sería o modelo ideal. Con respecto ao que fala das librarías que pechan nas pequenas vilas, non se engane, curioso, trátase da modalidade de préstamo á que as anima a pechar. O camiño do amigo Couceiro de tirar contra os editores galegos (fíxoo esoutro venres de novo nas páxinas de «El País») é un vieiro que non leva a ningures. Como editor galego de cultura e de educación sempre tenderei a man aos libreiros. A crise, cada vez máis dura para todos, non debería cegarnos.

  10. john
    john Dice:

    Goodday,

    Ten contas a pagar? Ten débeda de que queres eliminar? Vostede é financeira para abaixo e precisa atopar un negocio? A base rexeitou polo seu mal crédito? Non te preocupes máis Progressive Financial Services está disposto a prestar a xuros baixos préstamos rate.If está interesado na nosa oferta e quere pedir un préstamo, póñase en contacto connosco hoxe para responder a este correo-e envíanos un correo-e …. johnloanlender009@gmail.com
    Nome Completo :………
    País :……
    País :……
    Cidade :…….
    Sexo :……..
    Idade :……
    Ocupación :…………
    O importe previsto como un préstamo
    Teléfono :………..
    Renda mensual :………….
    duración do préstamo ……………….
    Obxectivo para o préstamo :…….

Los comentarios están desactivados.