Xosé González Martínez: diálogo e paciencia
A entrevista a Xosé González Martínez, presidente do Foro Peinador, que traballa na galeguización do mundo da empresa, expresa posicións moi realistas sobre a actual situación do proceso de normalización lingüística. «Pepiño de Redondela», un veteranísimo traballador das causas da nación e da lingua, insiste nesta entrevista na idea de pasar do ensino á economía o foco do traballo normalizador: «Os profesores de galego non teñen que ter como obxectivo formar escritores ou poetas, senón axudar a desenvolver unha vida profesional en galego. Por iso penso que especialistas en dereito e empresa, sociólogos e non filólogos, son os que teñen que atender prioritariamente ese labor porque son os que entenden de métodos e prospeccións, e saben da lexislación e das maneiras de aplicala. O futuro do galego está na economía e na empresa e iso esixe renunciar a tantas actitudes de arrebolar con pequenos conflitos que son unha perda de enerxía». As receitas de González para saír da encrucillada actual son ben sinxelas, diálogo constante e moita paciencia: «a lección que sacamos [refírese ao traballo con empresarios realizados dende o Foro] é que hai que ser máis flexíbeis e saber que sen paciencia non se consegue nada en política lingüística».