É fútbol, só bo fútbol
Aos que nos gusta o fútbol, e non temos complexos en seguilo domingo a domingo, o campionato acadado polos rapaces de Luis Aragonés foi un acto de xustiza deportiva. Un xogo intelixente e paciente, baseado na elegancia no control e condución da pelota, e un esforzado compromiso de todo o grupo de xogadores na presión defensiva, como mellor estratexia de xogo, amosan que este pode chegar a ser un deporte ben fermoso. O xogo marabilloso de rapaces –como o galego Torres, o noso admirado Silviña ou os cataláns Xavi Hernández e Cesc Fábregas, demostra que a cerna deste deporte de equipo reside na procura concienzuda do instante decisivo, eses dous ou tres segundos nos que se acende a faísca da beleza do gol. Porén, os excesos, os ditirambos ou a pailanada do nacionalismo españolista na celebración desta vitoria son atribuíbles ao fracaso histórico dunha idea monolítica de España, que non acaba de cuallar. O triunfo do equipo multinacional de Luís foi do fútbol, só do bo fútbol. Deixémolo aí.
Concordo ao 100% coas túas palabras. Gañou o bo fútbol.
Parabéns polo comentario. Tamén aos vencedores.
A pailanada nacionalista españolista non é moi diferente como pailanada a outras. Non sei, vendo o que ocorre en todos os lados, se teremos que aturala sempre. Se vamos falar de só fútbol e, a poder ser, de bó fútbol, será convinte tamén deixarse de irmandiñas e cousas polo estilo.
Pero vai ser que non.
bo comentario dun fuboleiro como ti ,manuel, xa me tardaba a tua opinion.
¿pailanadas? ¿maruladas? hay tantas k pa k. O carallo e k algunhas dan moitos cartos, ese e o “kid” da cuestion.
Eu non penso que bo fútbol sexa incompatible con selección. Por outra banda, que os sentimentos de pertenza (nacional, por exemplo) se manifesten con ocasión dunha reunión futbolística pode constituír un exercicio estimulante; iso si, sometido a unha manipulación antes, durante e despois (de partidos, competicións…) que convén peneirar se un o desexa: en todo caso, nada diferente do que acontece noutras parcelas e momentos da vida social.
Iso si, comparar a supermegamontaxe destes días co evento da pobre irmandiña (que só xoga unha vez no ano, malia as promesas) trascantea notablemente a análise; aínda que a comparanza sexa só implícita e remota.
De todos modos, pido desculpa: non desexaría embafar o brillante fair-play do comentario base e ton xeral neste fío.
Fermoso post. Eu falaría tamén de Marchena, un xogador que ata esta Eurocopa sempre crin sobrevalorado, e sobre todo de Senna; deixoume coa boca aberta a súa capacidade de traballo e paréceme o mellor exemplo de xogador nacional.
Arumes: quedoulle un pouco críptico o comentario.
Moi bo o post, a veces aos que nos gusta o fútbol, culturalmente nos colocan un puntiño por baixo do resto, pero xa miramos que calquera se pode apasionar, cando o fútbol transformase en arte.
Estou de acordo en que se che esqueceu Senna.
Brétemas, acabo de levar un susto vendo a túa axenda. A presentación témola o día 3? Segundo teño entendido, é o 4, venres.
Estou totalmente de acordo contigo. Gustoume ver xogar á selección española na Eurocopa polo seu xogo despregado, o “jogo bonito” que outrora abandeiraban os brasileiros. Levaba bastante tempo sen ver o fútbol pola racanería de xogo que vía nos partidos. Nesta Eurocopa víronse partidos de grande nivel futbolístico e agardo que esta siga a ser a tónica nos vindeiros anos.
En canto ó uso político da vitoria da selección española, xa o vía vir: o previo emitido en Cuatro e mais os festexos de celebración ían encamiñados nesa liña. Realmente lamentable! Como tamén me parece lamentable que un grupo de intelectuais na órbita de UPyD aproveitasen a conxuntura españolista para sacar o seu “Manifiesto por la Lengua Común”. Seica o castelán está en perigo de extinción e non sabemos nada. Semella que Savater está instalado nunha “realidade virtual” da que non se desapegou.