Caderno de Bretaña II
ENTRE FISTERRAS
Viaxando por Breizh non fai falta ser un cunqueiro para que un galego atope semellanzas e identidades comúns co país noso. Non é preciso camiñar pola fraga marabillosa de Brocelianda, onde Sidoine namorou de Ponthus e onde aínda goberna Merlín, para atopar situacións, lugares e manifestacións culturais que nos fan sentir a terra bretoa coma propia.
Xa Castelao percorreu en 1929, durante catro meses, os camiños da vella Armórica a cata de cruces de pedra tan imitantes aos cruceiros galegos. Esta semellanza formal, que amosa paralelismos nas manifestacións da relixiosidade popular, foi recollida polo noso pai da patria n’ As cruces de pedra na Bretaña, un traballo de investigación que sería publicado polo Seminario de Estudos Galegos (Pontevedra, 1930) e reeditado por Xosé María Álvarez Blázquez na colección Pombal de Edicións Castrelos en 1974. A visita aos “enclaves parroquiais”, situados entre Montroulez e Brest, constituíu un dos momentos máis propicios para sentir esta proximidade. Dende os cruceiros populares, situados coma os nosos nas encrucilladas, aos formidables calvarios como os de Sant-Tegoneg e Gwimilio, pasando pola presenza de Santiago e o mito xacobeo en capelas e igrexiñas (ademais de nese formidable gwerz que é Yann Derrien), son moi numerosas as coincidencias das manifestacións da fe popular. Os pardons (procesións ou romaxes populares na honra do santo patrón, moi numerosos no efeméride de hoxe), a utilización de exvotos ou mesmo a figura da Anaon (a Santa Compaña) como representación da morte son outros elementos que percibimos desta proximidade da cultura relixiosa popular.
Outrosí poderiamos expresar da paisaxe debuxada no interior de Breizh por largacíos milleirais e na súa beiramar pola omnipresenza dos faros nos cantís e nas súas múltiples illas, fachos que constitúen as marcas das mareas dun perfil litoral moito máis suave có noso. Chamounos a atención a homoxeneidade das vivendas rurais (con tellado de pizarra a dúas augas e dúas chemineas a cada vento) así como a inexistencia de valados de pedra que separen as propiedades, o que proporciona ás edificacións unha xurdía harmonía e integración nunha paisaxe, neste caso ben diferente da nosa, onde escasean as masas forestais.
A forte presenza da cultura megalítica é outro elemento de proximidade cultural con Breizh. A visita aos impresionantes aliñamentos de Carnac (din que constituídos por un milleiro de menhires) e ao espazo megalítico de Locmariaquer foron outros dos momentos máis impactantes da viaxe.
Porén, é no desenvolvemento da cultura marítima onde atopamos as maiores diferenzas con Galicia. País coas súas urdimes no mar, coma o noso, os bretóns veñen desenvolvendo dende hai décadas unha cultura da memoria do mar que ten, aínda, escasos precedentes entre nós. Os centos de escolas de vela (supoñemos que unha en cada porto deportivo), o magnífico Port-musée de Douarnenez (con cinco embarcacións tradicionais ou antigas museificadas e visitables, na foto), o Museo da Pesca de Concarneau ou o formidable complexo didáctico e de lecer de Oceanopolis de Brest, ademais da organización de festivais marítimos internacionais como os de Brest e DZ (en Brest 2008 Galicia será unha das culturas marítimas convidadas) son iniciativas das que en Galicia moito deberiamos aprender xa que constitúen elementos identitarios de cohesión interna e de ampla proxección internacional para o turismo familiar.
Outro feito que mereceu a nosa atención ao longo de toda a viaxe foi coñecer algunha das cidades bretoas irmandadas con outras galegas. Estas xemelgaxes entre concellos, iniciadas en 1971 entre Lugo e Dinan (ambas as dúas cidades con muralla), son un dos instrumentos máis eficaces para unir e favorecer o coñecemento mutuo, a cooperación económica e o intercambio cultural entre as poboacións galega e bretoa. Indubidable froito do espírito “federateur” do municipalismo progresista francés, a verdade
é que estas xemelgaxes levan paradas algúns anos. Á porta da casa do concello de An Oriant hai un cartel que sinala a distancia existente con Vigo (un irmanamento entre nós case esquecido), o famoso Mont St. Michel (patrimonio da humanidade) está irmandado con Cambados, a fermosa vila de Lannuon o está con Viveiro ou a mariñeira Plougon (situada ao pé da Pointe du Raz, o con da fisterra bretona) con Fisterra. Recuperar o pulo destas xemelagaxes, ás portas do Festival Intercéltico de Lorient 2009, onde Galicia será o país convidado, é unha iniciativa que as novas corporacións galegas deberían considerar. Non se deberían perder os fíos que unen estas dúas fisterras atlánticas.
Ola, eu vixen un percorrido parecido hai uns anos. Gustoume lembrar aquela viaxe.
Bretanha está moi ben, as comparacións coa Galiza son inevitables. Fora un pouco traumatico voltar e ver como temos o pais tan escarallado.
Un saudo
Moi interesantes estas dúas postaxes. A verdade é que a Bretaña parace unha Galicia aplanada e máis coidada. O que me sorprende é o tutazo de coche que debeu pegarse. Eu botei por aló dúas semanas hai uns anos e non vin nin a metade dos lugares que vostede visitou.
Benvido.