A crise libreira
Onte mantivemos unha importante reunión dos tres sectores profesionais vencellados co libro en Galicia: editores, libreiros e distribuidores. Compartimos estratexias sobre a nova Lei do Libro, Lectura e Bibliotecas (a chamada “lei do prezo fixo” con carácter xeral, coa excepción do libro de texto dos niveis obrigatorios, en trámite no Congreso), ademais de poñer ao día a información dispoñible sobreos dieferentes modelos de gratuidade (especialmente alentador foi coñecer que xa son numerosas as comunidades que este curso implantaron o cheque libro, Asturias, Cantabria, Murcia ou Madrid).
O miolo da xuntanza foi o traballo sobre o informe, promovido pola AGE, que investiga sobre a viabilidade industrial do libro en Galicia e as consecuencias que supuxo a implantación da modalidade de préstamo do libro de texto. Cremos que este informe proporcionará datos para comprender a envergadura da crise na que está inmerso o sector. A pesar dos datos moi preocupantes que van chegando, na reunión mantívose un ton esperanzado. Como tantas veces temos expresado aquí, non é o momento de deixarse caer nos brazos da desolación. Promover mudanzas profundas na política cultural é a estratexia na que estamos comprometidos.
Recomendo a información publicada hoxe por medios sensibles a estas preocupacións:
-
Galicia hoxe (en portada).
Como usuario, ou sexa pai (e antes alumno), nunca entendín os gastos en libros de texto. Non son partidario da gratuidade dos libros, porque creo que non é igualitaria a medida, pero sí de que os libros se depositen dun ano para outro nos Institutos. De que se aproveiten, en fin (a miña filla constata na súa clase a intocabilidade de certos libros de texto porque o profesor prefire apuntamentos: non hai dereito). De que prevaleza a idea de compartir eses libros. Supoño que para moitas librerías (papelerías encubertas) a venda de libros de texto era a súa razón de seren. Pero non pode ser a cambio de que todos os anos, sexan os pais ou sexa a administración, estean comprando os mesmos libros. Aínda recordo como se conseguiu que nalgúns centros os libros de texto decididos non foran mudados nun prazo de tres anos. Antes cambiaban a capricho.
Como se pode ver, non utilizo o argumento dos cartos principalmente, senón o do uso racional deses libros.
Por certo, moi interesante a entrevista en EL PAIS coa dona de Cervantes: sobran librerías e falta profesionalidade, parece estar a dicir.
Estimado Brétemas, poñamos as cousas no seu sitio e os problemas por orde de importancia. Fronte ao problema demográfico o das librarías pouca cousa é. As Universidades teñen menos alumnos e o libro universitario sempre foi importante para as librarías, que asumiron fai vinte anos un modelo comercial demasiado baseado no libro de texto infantil como consecuencia dese outro panorama demográfico moi distinto do actual. Os libreiros alegan que non son tendeiros correntes, pois logo que non se comporten como tales. Cantas librarías galegas teñen un sistema de vendas por Internet moderno, áxil e atractivo? Sóbranlle dedos dunha man. Toca reconversión, e iso sempre é traumático cando falamos dun sector acomodado, excesivo e renuente a calquera cambio do modelo que eles chaman tradicional (e non o é se temos perspectiva)